Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Necrópole de San Vítor de Barxacova

Xacementos arqueolóxicos

Sabíase que en San Vítor existía unha capela desaparecida no século XIX. Nas escavacións arqueolóxicas realizadas na contorna descubriuse unha necrópole datada entre os séculos IX e X con sepulcros antropomorfos orientados este-oeste. Distínguense dous sectores: o norte e o sur.

No sector norte houbo unha preparación do terreo para o achandar e posteriormente escavar as tumbas dunha forma máis ordenada. Consérvanse algunhas tapas orixinais e aínda se poden ver ao redor dos sepulcros os encaixes feitos na roca para asentar a tapa. Destaca neste sector, unha tumba de 2,5 metros de lonxitude, agrandada ao escavar un sepulcro sobre outro, coincidindo os pés da segunda coa cabeza da primeira. Os defuntos envolvíanse nun sudario, posiblemente cunha cobertura de terra, e a continuación as tapas eran colocadas transversalmente.

No sector sur, as tumbas aproveitan a disposición da roca e están distribuídas en abanico. Os sepulcros máis claros son os do centro, ben escavados e algún bastante profundo.

Alén da chaira elévase unha gran roca coa superficie totalmente chan. Sobre ela situábase a capela de San Vítor, desaparecida a mediados do século XIX. O acceso á parte superior realizábase pola parte sur, onde antigamente había uns chanzos de pedra. A media altura atopábase o corredor polo que se accedía e que debeu de estar cuberto con laxas. Na parte superior da roca pódese ver que a superficie está aplanada artificialmente. Conserva as marcas dos cimentos da capela, destruídas parcialmente cando se colocou unha das torres do tendido eléctrico. A capela non debeu de medir máis de 12 m². Ao redor do penedo hai outras catro tumbas. Destaca a do extremo norte na que aparecen algunhas pezas arquitectónicas que foron novamente aproveitadas, posiblemente dunha construción anterior á propia capela, quizais da época romana (xa que existen vestixios na zona) e como un punto de control sobre o río Mao.

Como conclusión, pénsase que a necrópole debeu de ser anterior á capela, asociada a un asentamento rural. A orixe de San Vítor nada ten que ver coa presenza de eremitas, nin cenobios, nin mosteiros da zona, senón que se debe de incluír dentro da ocupación territorial alto-medieval relacionada coas comunidades rurais anteriores á reorganización parroquial do século XII.

Necrópole de san Victor de Barxacova

Ver máis...

Información e contacto

Enderezo

Barxacova

Parada de Sil

32740 Ourense

Cómo chegar Cómo chegar