FITUR 2026
Ribeira Sacra reforza en FITUR 2026 a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade cunha mesa redonda institucional
Ribeira Sacra, 21 de xaneiro de 2026
Ribeira Sacra volveu estar presente en FITUR 2026 cun acto centrado na súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, unha aposta estratéxica que pon en valor un territorio construído durante séculos pola relación entre a natureza, a auga e o traballo humano.
A mesa redonda, titulada “Ribeira Sacra, Candidatura a Patrimonio da Humanidade”, tivo lugar este mércores ás 12:00 horas no Stand de Galicia (Pavillón 9 de IFEMA, Madrid), e estivo organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. O acto foi presentado e conducido pola xornalista Noa García, e contou coa proxección dun vídeo introdutorio sobre o territorio e os valores da candidatura.
Durante a súa intervención, o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, destacou que a declaración de Patrimonio Mundial suporía un recoñecemento internacional a un territorio e á súa identidade, ademais dunha forma de gratitude coas persoas que o coidaron e o seguen coidando día a día.
Fernández Guitián subliñou tamén que un posible recoñecemento da UNESCO traería beneficios claros en termos de visibilidade, así como atracción de investimento e oportunidades ligadas ao emprego local, especialmente relevantes nun contexto rural.
No marco do diálogo, puxéronse sobre a mesa as claves dun futuro baseado nun modelo turístico ordenado, de calidade e respectuoso co territorio, apostando pola desestacionalización, as experiencias auténticas e unha planificación que mellore a acollida sen perder a esencia da Ribeira Sacra.
Tamén se apuntou que o recoñecemento pode supoñer un cambio na percepción do visitante, que pasaría de descubrir un destino singular a entender que se atopa ante unha paisaxe cultural de valor universal excepcional, cunha mirada máis respectuosa e informada.
No encontro participaron José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo; Rosendo Fernández, deputado provincial de Ourense; ademais do presidente do Consorcio, Luís Fernández Guitián.
O acto contou tamén cunha ampla presenza institucional e sectorial, coa asistencia de Ángel Miramontes, director xeral de Patrimonio Cultural; Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo; e Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, ademais de alcaldes e alcaldesas dos concellos implicados, así como deputados, senadores e representantes da Secretaría de Estado de Turismo xunto con profesionais e axentes vinculados ao territorio: empresas do sector turístico, medios de comunicación, produtoras audiovisuais e axencias de viaxe, reafirmando a dimensión colectiva da candidatura e a importancia do traballo conxunto na promoción do destino.
Con esta acción, Ribeira Sacra continúa avanzando na proxección nacional e internacional da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade e na posta en valor do territorio como destino sostible e de calidade.