O noso Manual de Boas Prácticas para visitantes, exemplo para o Ministerio de Cultura e Deporte
O Ministerio de Cultura e Deporte escolle o “Manual de Boas Prácticas para visitantes de Ribeira Sacra” como exemplo dos valores e criterios de sostibilidade recollidos no “Libro Verde para a xestión sostible do patrimonio cultural”.
Ribeira Sacra, 18 de setembro de 2023
Hai uns meses contactaban connosco desde o Ministerio de Cultura e Deporte. Informábannos de que chegara a eles o Manual de Boas Prácticas de Ribeira Sacra e que o consideraban unha actuación exemplar para un novo proxecto no que se atopaban traballando: "O LIBRO VERDE para a xestión sostible do patrimonio cultural". Tras interesarse por diferentes detalles do mesmo, confirmáronnos que formaría parte da publicación.
O Libro verde é xa unha realidade e foi presentado o pasado venres en Madrid polo ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta. Na súa intervención, Iceta destacou que se trata dunha “mostra do compromiso de España por traballar e liderar un cambio na xestión do patrimonio, entendendo que é unha fonte de coñecemento sobre o pasado e unha fonte de riqueza para o futuro”.
A publicación, dirixida a xestores culturais e cidadanía en xeral, propón distintos criterios de sostibilidade que se poden ter en conta á hora de traballar na conservación, restauración ou difusión do patrimonio cultural.
Unha das 28 boas prácticas seleccionadas a nivel nacional foi o noso Manual de Boas Prácticas para visitantes, unha ferramenta que, segundo palabras do propio Ministerio, “exemplifica os valores e criterios de sustentabilidade que se recollen na propia publicación”.
Na redacción do Libro Verde participaron un selecto grupo de profesionais, entre os que se atopan os propios técnicos do Ministerio de Cultura e Deporte, asociacións e institucións cunha traxectoria consolidada na defensa, xestión e conservación do patrimonio cultural español como AEICE. Agrupación industrial de Hábitat Eficiente, Asociación Española de Empresas de Restauración do Patrimonio Histórico (ARESPA), Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, Fundación Santa María A Real, Hispania Nostra, Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), Alianza de Paisaxes Culturais do Patrimonio Mundial, Plataforma de Asociacións Profesionais da Conservación-Restauración de España (PAPCRE) e Patrimonio Nacional.
O Manual de Boas Prácticas para visitantes de Ribeira Sacra (MBP) é un documento no que recollemos de forma visual e atractiva unha serie de recomendacións que procuran a concienciación no respecto aos recursos naturais e culturais, aos veciños e traballadores e a todos os elementos que conforman o destino, coa aposta firme de manter intacta nosa esencia e fomentar un turismo sostible entre os nosos visitantes. O MBP é unha das iniciativas dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra e foi presentado na pasada edición de FITUR, unha das feiras máis importantes do panorama turístico a nivel mundial.
O documento atópase dispoñible paera descarga en formato dixital na nosa sección de DESCARGAS, ademais de en formato impreso en toda a rede de oficinas de turismo do xeodestino.
Ligazóns de interese: