Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

O Courel

Situado no extremo sur—oriental da provincia de Lugo, é unha das terras máis antigas da península. O seu interese xeolóxico é manifesto: multitude de covas vivas e gateiras ou o espectacular pregamento de Campodola (Quiroga), calificado como un dos monumentos xeolóxicos de Europa.

Terras do lobo, cavorcos do xabaril...O Courel é a gran reserva verde de Galicia. Todas as especies, agás as litorais, teñen representación neste cruce xeográfico de montaña, con características atlánticas e mediterráneas.

Castiñeiros ao redor das aldeas e un reduto das oliveiras en Quiroga. As formacións boscosas típicas do Courel son as devesas, nome empregado para se referir ás fragas de moitas outras especies vexetais, xeralmente nas cabeceiras dos ríos.

A Devesa da Rogueira é probablemente o bosque máis coñecido do Courel, e unha das xoias botánicas de Galicia. Sitúase ao pé do monte Formigueiros e exténdese dende os 700 aos 1400 metros de altitude e nela medran case todas as especies de árbores, arbustos ou flores do Courel.

Con respecto a fauna, podemos atopar especies típicas da montaña galega, como os corzos, xabaril, mustélidos, aves rapaces e multitude de anfibios como os pintafontes.

A escasa poboación destas paraxes, onde conflúen as provincias de Lugo e Ourense coa comarca leonesa do Bierzo, é na actualidade unha das máis envellecidas de Europa. Pero a vida respira verdadeira diversidade e historia nos entalados vales dos ríos Lor e Lóuzara, Selmo e Soldón. Sobre as ladeiras verdes descóbrese esoutro patrimonio do Courel que son as aldeas da serra. Localidades pequenas con casas de lousa, cheas de encanto. Nesta serra aínda se poden visitar varias pallozas.

Non o perdas!

O mellor xeito de coñecer o Courel é percorrer unha das numerosas rutas homologadas que atoparedes neste territorio.

Como dicía o poeta Uxío Novoneyra, que naceu nestas terras, “Aquí séntese ben o pouco que é un home.

Paisaxes do Courel

Ver máis...

Percorre as suas rutas