Conxunto histórico-artístico de San Salvador do Hospital
Igual que o Castelo dos Novais, vinculado á Orde de San Xoán de Xerusalén, o núcleo do Hospital conxuga un importante número de elementos do legado cultural de varias épocas, centrado pola Igrexa Parroquial de San Salvador.
De cronoloxía imprecisa, pero á que cabe atribuírlle unha orixe prerrománica na Capela de San Xoán, onde podemos ollar as lápidas de ilustres Quirogas e Losadas e que constitúe a cabeceira do edificio actual notablemente ampliado en sucesivas etapas.
Outras pezas de especial importancia dentro do mesmo edificio son o retablo maior barroco, o Cristo Crucificado, o San Bartolomé Vello e tamén o Novo, e a pía Bautismal.
Completan o importante núcleo do Hospital a arruinada Casa Torre ou de Tor, pazo cunha orixe máis que probable no século XVI no que destacan pináculos piramidais nos ángulos do tellado a catro vertentes. Balcóns voados con balaústres de ferro forxado e no piñón cruz de ferro e catavento co león dos Balboa. Na fronte posterior, porta con arco lixeiramente apuntado, á que se accede por escaleira de pedra.
Na fachada norte dous escudos: o da dereita dividido en catro partes pola cruz de Alcántara, con lousa, lagartos, can atado aos piñeiros, cinco estacas e unha ave coroada. O da esquerda, de catro carteis, con brazo e maza, can atado ao piñeiro, flor de lis con cinco roeles e león sobre ondas.
Non moi lonxe desta a Casa de Carballedo, edificio construído no ano 1.848 con muros de cachotaría, tellado de lousa e corredor con escaleiras de granito. Pertenceu ós condes de Gavia. No fronte sur escudo, con celada á dereita, dividido en catro partes cun can atado ó piñeiro, cinco estacas, lousa e lagartos e león sobre ondas; no bordo a inscrición: "sin Dios todo es vanidad".
Os donos actuais conservan outra pedra de armas ovalada e con inscrición, en pedra de lousa. Articúlase en catro cuarteis o león atado ao piñeiro, as cinco estacas, lousa e dous lagartos máis un crecente e cinco estrelas.
Conxunto Histórico do Hospital
Información e contacto
O Hospital
Quiroga