Galería
Galería

Ponte Navea

Outro patrimonio histórico

A Ponte Navea é unha ponte da Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario Antonino que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) construída baixo o mandato dos emperadores Tito e Domiciano en torno ao ano 80 d.C.

O río Navea traza a liña divisoria entre os concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives a través dun estreito val, antes de xuntarse co Bibei.

A ponte actual conta cun ancho de 3,75 metros e cunha lonxitude de case 30. A súa estrutura dun só arco apuntado de 20 metros de luz, remóntase á época medieval. A primitiva era de orixe romana e moito máis grande, posiblemente con dous vans, para que as lexións romanas pasasen comodamente.

Esta orixe pódese observar na cantaría almofadada dos arranques da bóveda, estribos e  muros de canalización, onde é posíbel descubrir as pegadas producidas pola extracción das ancoraxes de ferro entre a cantaría. Debido aos abundantes restos de fábrica romana a ponte foi inventariada e catalogada coa máxima categoría no Inventario de Pontes Históricas de Galicia e declarada Ben de Interese Cultural desde o ano 1991.

Nas proximidades da ponte foi descuberto un miliario romano dedicado aos emperadores Tito e Domiciano (reutilizada na porta dun alpendre), ademais doutras lápidas dedicadas a Aelio Sporo e Popolius Hirsutus. Tamén se sabe que moi preto deste paso, quizais no Trives Vello, situouse a mansión romana de Nemetóbrica, anteriormente Nemetóbriga, capital da tribu galaica dos Tíburi.

A carón da ponte tamén nos abraiará a arquitectura tradicional, con casas e alpendres dunha antigüidade sorprendente; un inmellorábel marco natural, composto por carballos e castiñeiros; e a Capela da Encarnación, cunha Cruz da Orde de Malta que fai supoñer a existencia dun camiño de peregrinación a Santiago e posiblemente un punto de cobro de paso pola ponte e albergue no camiño.

Ponte Navea

Información e contacto

Enderezo

Estrada OU-536, km. 66

San Xoán de Río - A Pobra de Trives

Ourense

Cómo chegar Cómo chegar