
Punto Intermedio
Aproveitamos esta parada para centrarnos agora na complexidade da vías de comunicación e os traballos que foron precisos para mellorar a mobilidade na zona.
A N-120 é a vía de comunicación entre as cidades de Ourense e Monforte de Lemos, desde onde continúa cara Quiroga e Valdeorras. Antes da existencia das autovías tamén era a principal vía de comunicación de Vigo con Ourense e de Ourense con León, tendo por tanto unha gran importancia nas comunicacións do norte da península.
A estrada orixinal (hoxe N-120a), no seu tramo entre Pantón e Os Peares, era moi sinuosa, seguindo todas as formas do relevo desta zona, ata que a finais dos 90 se acometeu unha gran obra para mellorar a seguridade e o tempo de viaxe.
Para iso foi necesaria a construción de varios viadutos de grande altura, que permitiron salvar as quebras das ladeiras e facer unha estrada con menos curvas.
Podemos ver varios deles na outra beira do Miño, e o máis alto e longo cando cheguemos a Os Peares.
Pero ademais da complexidade da orografía, debemos engadir unha poboación moi dispersa en pequenas aldeas, que necesitan comunicación coas vilas e cidades maiores, polo que tamén se tiveron que crear enlaces de acceso a N-120 en lugares como Guítara, Bazal ou Os Peares.