Ruta A embelesadora
Unha ruta para percorrela ao ritmo e xeito que cadaquén estime. É una boa e sinxela fórmula que osixena e revitaliza, un convite a deixarse sandar pola natureza dun xeito calmo e ledo, a gozar do agarimo e tenrura das persoas; reaprendendo xuntas da riqueza dos camiños, os de ida e os de volta.
De pouco máis de 10 quilómetros, a Ruta Embelesadora transcorre polas taboadesas parroquias de San Miguel de Vilela e Santiago de Sobrecedo.
Nela conxúganse boa parte dos elementos da paisaxe natural e cultural que o sur de Lugo atesoura, constituíndo un auténtico monumento á harmoniosa interacción entre o medio e a comunidade que o habita, entre a humanidade e a natureza.
A Embelesadora está conformada como unha ruta sensorial na que sobre todo importa contemplar, ulir, tocar, saborear e escoitar.
O primeiro tramo desta senda vai ao encontro do río Miño. Faino transitando entre pequenas aldeas e lugares, leiras, hortas, soutos e carballeiras e mesmo algunhas abas do monte cubertas de piñeirais, toxos e xestas.
Á carón do río convén parar a contemplar e gozar da espectacular paisaxe que conforman ceo, auga e terra. Terra na que, ao longo de séculos, os saberes, a creatividade e as mans da xente foron quen de compoñer con muras, viñas e adegas tan espléndido tapiz.
Pura artesanía que a cada intre vai mudando as súas cores!
Ademais de admirar as viñas que se estenden polas dúas ribeiras, e se o nivel da auga no encoro o permite, pódese contemplar Castro Candaz, un enclave de lenda que hoxendía permanece asolagado longas tempadas baixo as fondas augas do encoro, emerxendo só en contadas ocasións, cal engaiolante e máxica fortaleza
No camiño que vén de volta, a ruta vai deixando atrás as viñas e, tras atravesar os lugares de Sobrecedo de Abaixo e de Arriba, descende entre prados e leiras para chegar a Rioseco e, de alí a Vilar, lugar de inicio e remate da Embelesadora.
Percorrela ao ritmo e xeito que cadaquén estime é, ben seguro, unha boa e sinxela fórmula que osixena e revitaliza; un convite a deixarse sandar pola natureza dun xeito calmo e ledo; a gozar do agarimo e tenrura das persoas; reaprendendo xuntas da riqueza dos camiños, os de ida e os de volta.
Distancia da ruta: 10,5 km
Tempo da ruta: 3 h 00min
Percorrido da ruta: Circular
Comezo: Capela da igrexa (Vilela, Taboada). Xunto a Casa Romualdo.
Chegada: Capela da igrexa (Vilela, Taboada). Xunto a Casa Romualdo.
Dificultade: Media
Desnivel:
- Subida: 284 m
- Baixada: 284 m
Sendeiro sinalizado
Non o perdas!
Na plataforma Izi.travel atoparás unha audioguía que propón unha andadeira experiencia que convida a contemplar a vida de xeito calmo e gozoso, e a unha reflexiva interiorización desas que fican na memoria e deixan pouso.