Xacementos de Ouro de Montefurado

Espazos naturais

En Montefurado, Quiroga, atópase un dos xacementos de ouro máis importantes do Imperio Romano, o cal está declarado como Lugar de Interese Xeolóxico (LIG) desde o ano 1983. Os romanos, co fin de facilitar a extracción deste prezado mineral, construíron aquí o túnel máis grande da Península Ibérica.

Os xacementos que foron explotados polos labores romanos eran dous, de diferente tipoloxía. 

O primeiro atópase no mesmo pobo de Montefurado, que se empraza sobre as distintas frontes de explotación romanas, así como os viñedos localizados ao sur do pobo, que explotaban os conglomerados de idade Mioceno, con cantos maioritariamente cuarcíticos, que afloran a ambos lados do Sil. O seu matriz de area, limo e arxila confírelles unha cor vermella. O espesor do depósito na área de Montefurado non supera os 20-30 m.

O segundo tipo de xacemento é o depósito aluvial (pracer) do Cuaternario, constituído por areas, gravas e limos do leito, chaira de inundación e terrazas do Sil, para cuxa explotación se desviou o río mediante o túnel de Montefurado. Estes depósitos teñen espesores pequenos e irregulares pero durante a súa formación enriquecéronse durante os episodios de grandes choivas con achegas de ouro provenientes de áreas fonte situadas augas arriba. Para a súa explotación os romanos desviaron o leito do río Sil, a través do Túnel de Montefurado, que desviou por el as augas do río, desecando o amplo meandro para a súa mellor explotación.

Non o perdas!

Un bo lugar para observar estes antigos xacementos de ouro é o Miradoiro de Anguieiros, desde o cal temos unha boa perspectiva do Túnel de Montefurado e das Medulas de Montefurado.

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar