Galería
Galería

16.4 Nogueira de Miño

IGREXA DE SANTA MARÍA DE NOGUEIRA


Esta igrexa combina partes da segunda metade do século XII e do XVIII, cando sofre importantes reformas na fachada, que actualmente mostra campanario e formas barrocas, co antigo rosetón románico.

No seu exterior, os canzorros e a porta sur adórnanse cunha rica e variada temática onde a presenza de fauna local é unha constante: cabras, morcegos, troitas, anguías… Posúe tamén unha gran campá, segundo contan os veciños, pola disputa dos curas de dúas parroquias por ver quen se facía coa máis grande, saíndo vitoriosa a de Nogueira.
Pero o maior tesouro está no seu interior, cunhas impresionantes pinturas renacentistas que cobren case todo o interior da nave, e que lle valen o sobrenome da Capela Sixtina Galega. Foron realizadas ao fresco sobre un morteiro de cal e area por diferentes artistas entre os anos 1560 e 1571.


En canto á temática podemos atopar un Xuízo Final, a Resurrección, a Anunciación, a Trinidade ou o martirio de San Sebastián. Na ábsida descubriremos o Bico de Xudas no pano esquerdo, e o Via Crucis no dereito, mentres que no teito podemos observar a representación dos catro ventos, unha lúa e un sol.

 

O CABO DO MUNDO


Neste lugar dá comezo o Itinerario de Interese Paisaxístico con Valores Naturais O Cabo do Mundo, que nun percorrido de 6,6 km nos leva por este singular meandro do Miño, dominado por viñedos e bosques, pasando por O Navallo e Cartemil.

Observaremos unha gran diferencia na paisaxe das distintas ladeiras, xa que nas que teñen mellor insolación é onde se cultivan os viñedos, mentres que no resto se mantén un frondoso bosque autóctono.


O río Miño ven marcado na Ribeira Sacra por un importante encaixamento, formando un val de pronunciadas e profundas ladeiras que foron mitigadas pola subida do nivel das augas coa construción dos encoros. O Cabo do Mundo é o seu meandro máis característico, onde o Monte Navallo, coa súa dureza, obrigou ao río a dar unha gran curva, formando case unha península.


Para aprecialo na súa totalidade, as mellores vistas están no curso do río, nos miradoiros de Cabo do Mundo, na estrada de Praia da Cova ou desde o castro do Pazo Museo de Arxeriz. Outra boa opción sería percorrelo navegando tranquilamente, sendo varias as empresas que ofrecen diferentes tipos de experiencias e embarcacións.

Nogueira de Miño

Cómo chegar Cómo chegar