Galería
Galería

16.7 Igrexia nova da Cova

Neste itinerario podémonos fixar na variedade de paisaxes que atopamos nas marxes do Miño, definidas por diferentes elementos que caracterizan o lugar onde se asentan as poboacións e o uso das terras.
 

As ladeiras que caen cara o Miño e todos os ríos e regatos que nel desembocan teñen diferentes graos de inclinación, pasando de lombas suaves a ladeiras moi inclinadas. En función desta pendente, as entidades de poboación sitúanse a maior ou menor altura da ladeira.


A altura, a composición do chan, a presenza de auga e a orientación son os elementos que determinan o cultivo que se fai en cada lugar. Así, as zonas máis húmidas, adoitan ser zonas de pasto para a gandería, as máis secas son axeitadas para o cultivo de cereais, e as orientadas cara o sur ou o oeste, máis rochosas, son boas para o viñedo, xa que reciben máis horas de sol. As hortas, con cultivos de hortalizas e froiteiras, principalmente para autoconsumo (tamén se vendían os excedentes), adoitan estar preto das vivendas, ao igual que os soutos.


Non debemos esquecer que os bosques de castiñeiros son plantacións con varios séculos de antigüidade, preparadas e coidadas para a produción e recolleita da castaña, un dos alimentos básicos ata a implantación da pataca.
E aínda nos falta un elemento clave, a pedra, indispensable na humanización desta paisaxe. Rochas graníticas ou lousa, coa que se construían casas, socalcos, muros, camiños, lindes, foxos, neveiros ou alvarizas

 

IGREXA DE SAN XOÁN DA COVA (s. XII)


Foi trasladada para salvala das augas do encoro entre os anos 1953-54, o que provocou pequenas modificacións como o desencalado das paredes, a eliminación do retablo ou a nova sancristía. Tamén se cegou unha porta lateral que levaba a unha pequena capela que non se trasladou e a carón da cal se atopa o sepulcro con estatua xacente da Nai Abadesa, o elemento máis destacado xunto coa portada principal, cun epígrafe de agradecemento no tímpano.
Desde aquí, na beira contraria e mirando cara o norte, podemos ver a Igrexa de Santo Estevo de Atán (s.XIII), que destaca pola estrutura do seu edificio, a mestura de distintos estilos e épocas e as pinturas do seu interior.

A COVA

Cómo chegar Cómo chegar