
17.7 Penedos do Castro
E finalizamos o itinerario nun lugar verdadeiramente especial, Penedos do Castro.
A súa situación privilexiada, marcada polas amplas vistas do Sil e pola dificultade do relevo, converteuno nun lugar doado de defender, facendo así que tivera ocupación desde a Idade do Ferro.
A súa primeira ocupación como castro estímase no século IV a.d.C, e unha segunda no século I a.d.C. Posteriormente, tras unha etapa de abandono, construíuse unha fortaleza medieval da que hoxe apenas se conservan algúns restos da súa muralla.
Nun dos penedos podemos ver unha inscrición marcada na rocha que di “+LEOVIGIL DUX ”. Esta parece facer referencia ao rei Leovigilio, o que situaría a marca na epoca visigoda, no século VI.
É tamén especial polas vistas que nos ofrece hoxe en día, co magnífico Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil magnífico aos nosos pés, un amplo tramo do Canón do Sil, pequenas aldeas que resaltan entre frondosos bosques autóctonos e, ao fondo a Ponte da Barca, onde o río Cabe desemboca no Sil.