

Aula Forestal Os Trollos

A Aula Forestal de Os Trollos localízase preto da vila de Bóveda, nun contorno natural e propiamente forestal. Conta con 30 hectáreas de superficie na que se dispón de instalacións preparadas para a recepción dos visitantes e para a realización de diversas actividades de educación e divulgación dirixidas ao público en xeral, pero especialmente aos máis novos.
A Aula Forestal conta con unha exposición dedicada a explicar dun xeito sinxelo e ameno, o ciclo das árbores dende a súa plantación ata a súa corta, así como os diferentes pasos de transformación da madeira.
A exposición "Achégate ao monte" conta cos seguintes bloques temáticos: Viveiros e sementes; Coidados do monte; Transformación da madeira; A madeira na industria; Produtos complementarios do monte; Costumes e tradicións e A propiedade do monte.
Estas visitas contan primeiramente coa presentación da Aula Forestal e o seu contorno, para continuar deseguido coa explicación da exposición. Unha vez completada a visita á exposición, pódese realizar un itinerario (con ou sen guía) pola contorna da aula, camiñando un sendeiro fluvial polo viveiro de planta forestal e o arboreto. Este percorrido ten unha duración estimada de 1 hora.
Así mesmo conta con unha zona de lecer, con bancos e mesas de pedra ao aire libre, na que se pode descansar ou ben xantar.
Para os que dispoñan de máis tempo, dende a aula de Os Trollos parten dúas rutas de sendeirismo: a ruta de Os Trollos de 5 quilómetros e a ruta da Serra das Penas de 18 quilómetros, ámbalas dúas transcorren por diversos tipos de ecosistemas, destacando os piñeirais, as carballeiras e os soutos, entrelazando lugares singulares polos seus valores paisaxísticos, forestais e ambientais.
Aula Forestal Os Trollos
Información e contacto

LU-546, km. 47
Bóveda
Lugo

Equipamento e servizos



Accesibilidade



