A Casa da Memoria
A Casa da Memoria (anteriormente coñecida como Casa de Peña) é unha antiga casa de farmacéuticos con máis de 150 anos de historia. A súa construción, con casa de caseiros e bodega, o seu mobiliario e a súa historia vencellada á sanación, á axuda aos máis pobres e o derradeiro refuxio de Manuel Díaz González ("o pequeniño do Incio"), fan desta casa un lugar singular convertido en espazo de creación e divulgación artística, de rescate do patrimonio e da historia, e de coidado e benestar persoal.
A Asociación sen ánimo de lucro "A Memoria é Náufraga" que promove as actividades que se desenvolven na Casa da Memoria (sede da Asociación) ten como fins xerais dinamizar un espazo de creación cultural e interacción social, un espazo creativo onde convivan a conservación da nosa historia e do patrimonio artístico-cultural coas expresións artísticas máis vangardistas. Un lugar no que se leven a cabo actividades educativas, formativas, informativas, de concienciación, reflexión e debate, en torno ás nosas principais areas de interese e actuación: a Cultura, a Arte, a Educación, a Historia, o Coñecemento, a Saúde, a Concienciación, a Solidariedade e o Medio Ambiente.