Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Conxunto Monumental de San Vicente do Pino

Conxuntos históricos

Neste Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, na actualidade atopamos tres monumentos emblemáticos da cidade: a Torre da Homenaxe, o antigo Mosteiro de San Vicente do Pino e o Palacio Condal, que constitúen un complexo monumental e defensivo, reconstruído case na súa totalidade no século XV.

As primeiras noticias que temos da Terra de Lemos debémosllas a Plinio, xeógrafo romano que cita ao pobo dos Lemavos como habitantes do “Castro Dactonium”. O  termo Lemavos quere dicir “terra fértil, chan húmido”. Algúns autores sitúan o “Castro Dactonium” no monte de San Vicente, pero nunca puido ser escavado, dado que no século X chegan a Monforte os monxes beneditinos e comezan a construír o mosteiro de San Vicente do Pino, que leva este nome porque neste lugar había unha ermida dedicada a San Vicente e diante dela un piñeiro.

Como todos os complexos defensivos, estaba rodeado dunha muralla e tiña varias torres para a súa defensa. Na actualidade consérvanse cinco desas torres: a de Santo Domingo, a do Castelo Pequeno, dos Monxes, dos Arcos e do Cárcere Vello. Tamén conserva dúas portas: a da Alcazaba (do século XIII), coñecida tamén como da Carnicería ou Peixería por atoparse na antiga Praza do Azougue, e a Nova (reconstruída no século XV tras quedar destruída a primitiva despois da Revolta Irmandiña). Esta conserva os escudos dos Condes de Lemos.

A Torre da Homenaxe, posiblemente obra de Diego Pontones, mide 30 metros de altura. Conserva o alxibe, que era o depósito de recolleita da auga de choiva para o uso da torre. No interior pódese ver unha exposición e desde o alto, fermosas vistas do val de Lemos. No recinto da torre, consérvase parte da muralla co seu paseo de rolda.

O Mosteiro de San Vicente está considerado como o primeiro mosteiro levantado despois da invasión árabe en Galicia, aínda que non consta documentalmente ata o século X. A fachada é neoclásica. Corona o conxunto o escudo real e a imaxe pétrea de San Bieito. O claustro, tamén neoclásico, foi concluído no 1784 e destaca polo seu piso inclinado que facilitaba a entrada de auga de chuvia ao alxibe. Na actualidade, o recinto alberga o Parador de Turismo.

Adosada ao monasterio está a igrexa, con fachada renacentista. A igrexa é de traza gótica. Destaca o altar maior, atribuído ao maestro “Mil Bienes”.  Na capela esquerda da ábsida está o altar churrigueresco da Virxe de Montserrat, patrona de Monforte. Hai outras pezas interesantes como o retablo de Santa Ana do século XV ou o sepulcro do Abade Don Diego García con data do ano 1334.

O Palacio dos Condes de Lemos é un edificio do século XVII. Sufriu un importante incendio no ano 1672, que durou 15 días e devastou parte do edificio e importantes documentos do arquivo dos Castro. A porta de acceso está realizada en mármore de O Incio e sobre ela, podemos ver os escudos de armas dos Lemos: seis roeles dos Castro, castelo e león rampante dos Enríquez, e lobos dos Osorio. Hoxe en día, alberga os salóns para convencións do Parador de Turismo.

Non o perdas!

En Monforte de Lemos podes visitar outros monumentos emblemáticos como o Colexio dos Escolapios, tamén coñecido como "O Escorial Galego". 

Conjunto Monumental de San Vicente do Pino

Información e contacto

Enderezo

Barrio de San Vicente

Monforte de Lemos

27400 Lugo

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde
Cafeterías
Cómo chegar Cómo chegar