Conxunto de Santo Estevo na Semana Santa 2023

Esta Semana Santa, o Consorcio de Turismo porá en marcha un servizo de autobús lanzadeira e visitas guiadas ao complexo do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín). Ambos os servizos serán gratuítos e estarán en funcionamento entre o 1 e o 9 de abril.

O acceso en vehículo privado ao mosteiro estará restrinxido no período mencionado, agás para hóspedes do Parador. No seu defecto, os visitantes poderán estacionar nas áreas habilitadas e despois acceder ao complexo camiñando (700 m aprox., en pendente) ou no transporte lanzadeira, suxeito a dispoñibilidade.

O programa de visitas guiadas, baixo o nome de "O Conxunto de Santo Estevo na Semana Santa 2023", abrangue un total de 4 quendas por día (11:00, 12:30, 16:30 e 18:30 horas, suxeitas aos oficios relixiosos), cunha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos e un aforo limitado de 25 persoas. O percorrido incluirá a visita á igrexa do mosteiro, aos tres claustros, fornos e xardíns (“bosque dos catro ventos”) e rematará no pobo de Santo Estevo. Para as visitas guiadas é imprescindible reserva previa, ao final da páxina. 

Para o autobús lanzadeira, que conectará o aparcamento co mosteiro, non será precisa a reserva con antelación. Fará viaxes de continuo entre as 11:00 a 19:00 horas.


Esta actuación finánciase con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Axencia de Turismo de Galicia e Secretaría de Estado de Turismo.

RESERVA