
Fervenza de Vieiros

Esta fervenza permite apreciar a paisaxe fluvial e lítica, tallada e modelada polo paso do tempo. Non só poderás percorrer rutas de sendeirismo para apreciar as magníficas paisaxes, senón que tamén é un lugar clave para os amantes do barranquismo.
Un dos recursos máis visitados das Montañas do Courel polos valores que agocha este recuncho do río Selmo. O encaixamento da rede fluvial produto da Oroxénese Alpina e acrecentado polo contacto e contraste litolóxico de cuarcitas e lousas, que propician un salto de auga de 34 m. (un dos máis altos do territorio).
Na súa parte superior, o ser humano deixou a pegada dun pasado de traballos infatigables coa construción de dúas canles, unha en cada marxe do río, para conducir auga aos pasteiros que se encaixaban ao ritmo que marcaba o leito do río.
Na actualidade, a dinámica do río entre as aldeas da Seara e Ferramulín, permite un percorrido moi apreciado polos barranquistas que o veñen repetindo dende hai moitos anos ao ser acondicionado e divulgado xa no ano 1997.
Para chegar a esta fervenza é preciso camiñar. Estacionaremos no pobo de Vieiros, no aparcamento habilitado (non acceder ao pobo co vehículo) e desde aí, seguiremos a sinalización á fervenza por un sendeiro en pendente (aconséllase extremar a precaución cando o piso estea mollado). PRECAUCIÓN no inverno e épocas de choiva. Recoméndase consultar o estado dos accesos co Concello de Quiroga (982 42 80 01) ou coa Oficina de Turismo de Quiroga (982 435 125).
Fervenza de Vieiros
Información e contacto

Quiroga
Lugo