

Igrexa de San Miguel de Eiré

Un dos exemplares máis interesantes do románico na Ribeira Sacra, coñecido popularmente como “O Mosteiro”.
Pertenceu a un antigo mosteiro beneditino fundado por Escladia Ordóñez no século XII, o cal perde a súa independencia en 1507 coa reforma ordenada polos Reis Católicos nos mosteiros galegos. As súas rendas pasaron ao Hospital Real de Santiago e as súas relixiosas, de xeito momentáneo, ao Mosteiro de San Paio de Antealtares.
Do antigo cenobio só conservamos a igrexa románica, a cal pertence á segunda metade do século XII. A súa planta é de gran sinxeleza: unha soa nave cunha única ábsida semicircular. Esta mesma proporción mantense na nave do cruceiro, espazo sobre o que se levanta unha torre rectangular que cobre o espazo de lado a lado e que converte ao conxunto nun dos exemplos máis singulares do románico galego.
A porta norte é un dos espazos máis interesantes desta igrexa. Esta está composta por un arco de medio punto de pequenas proporcións. A chambrana exterior aparece decorada por un axadrezado resolto a partir de dúas bandas. Na parte interior, atopamos un arco con motivos de rosetas que conflúen nunha clave co relevo do Agnus Dei, o cal aparece acompañado da inscrición «AGN». En canto ao tímpano, aparentemente sinxelo, presenta unha decoración xeométrica cuns círculos entrelazados en disposición horizontal.
Outro elemento rechamante desta porta son as súas mochetas, que albergan un particular Tetramorfos de aspecto moi orixinal. Na da dereita aparecen dúas figuras híbridas con cabeza humana e corpo animal. A do interior, con pezuños e cornos, acompáñase da inscrición «LU» (Lucas). Inmediatamente a continuación, un ser con cabeza humana e corpo de animal con garras mostra a inscrición «MA» (Marcos). Xusto en fronte, como é preceptivo, aparece unha curiosa representación dobre resolta en termos semellantes, e na que se representa a Juan e Mateo. En canto ao primeiro, a imaxe mostra unha cabeza humana con ás (Juan). Polo que respecta ao segundo, o personaxe leva a súa man sobre o queixo para representar a súa natureza de home (Mateo).
Polo demais, no interior do templo atopamos outras pezas interesantes. Neste sentido, cabe destacar unha característica fiestra xemelga con arcos de ferradura, a cal permite conxecturar a posible existencia dun templo anterior. Outro elemento relevante é a pila bautismal decorada de orixe medieval. Tamén destacan neste espazo os restos de pintura mural do século XVI, nos que se representa a Cristo no Xuízo Final.
O conxunto conserva ademais unha variedade de capiteis e canzorros cunha interesante iconografía, aspecto que deu lugar a numerosas interpretacións.
Por último, convén sinalar que esta igrexa de San Miguel pertence á parroquia de San Xulián de Eiré, Diocese de Lugo.
A igrexa foi declarada Monumento Nacional en xuño de 1964.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo aquí.
Fonte: Diocese de Lugo
San Miguel de Eiré
Información e contacto

O Mosteiro
Pantón
27439 Lugo
Equipamento e servizos


Accesibilidade

