Igrexa de San Salvador de Asma
A finais do século IX parece estar a súa orixe. Como en tantos mosteiros galegos, son unha parella de nobres os fundadores, téndose por dúplice até finais do século XI. Chegará Cluny, por medio da orde beneditina no século XII, e rexerá os seus muros ata o fin da súa existencia como mosteiro.
Consérvase un precioso documento orixinal dunhas doazóns que “Ermesenda”, descendente dos fundadores, fai entre os anos 1066 e 1075. Até chegar á data de 1835 en que ou o seu papel como mosteiro desaparecerá, a Desamortización chegará para tentar borrar o seu legado. Pero quédannos unhas palabras de recordo a través de Airas Moniz de Asma, trobador do século XII:
“E coido-m´eu avergonhar!
Se vu prouguer´, debedes
Oj´a miña barbar a onrar,
Que sempr¨onrada sol andar.
E vos non o meu-a viltedes!”
Personaxes de finas barbas como aos que se alude no texto poboan os seus canzorros. Atribúense estes ao Mestre de Asma, que probablemente coñeceu a obra do Mestre Esteban na Catedral de Santiago, ou segundo outros, seguía ao Maestre de Carboeiro.
O certo é que recoñecemos as súas formas, os seus caprichos, pero tamén vemos en Asma pavos reais, esquíos, leóns, formas vexetais e axadrezados adornando as ventás e o interior.
A igrexa actual é froito de diversas épocas, pertencendo ao románico pleno de finais do século XII a ábsida e algúns canzorros reutilizados en reformas posteriores. A actual fachada é do século XIX. Aínda que tamén podemos atopar reutilizadas pezas prerrománicas en ventás e no interior, restos probables da primeira edificación do século IX.
O interior articúlase nunha nave dun só tramo, con ábsida octogonal ao interior e cuberto cun artesoado do século XVI, froito da adhesión á Congregación de Valladolid, polo cal se adorna co seu Escudo, e a nave cuberta de madeira. Chama a atención o chan de madeira que, sen dúbida, realizou unha función funeraria.
O interior da ábsida articúlase con tres ventás profusamente decoradas e unha axadrezada liña de imposta percórreo. Unha das tres ventás da ábsida non se pode ver desde o interior debido ao Retablo de madeira policromada tamén do século XVI presidido polo Salvador, onde tamén podemos apreciar dúas delicadas escenas da Natividade e Adoración dos Magos, entre imaxes dun Apostolado con San Pedro e San Paulo flanqueando o Sagrario.
Destacan tamén as imaxes de Santo Estevo e San Blas, así como o retablo de San Bieito, moi venerado na parroquia, procedéndose a bendicir o día do Santo o aceite que se distribúe logo entre os fieis. Precisamente o seu retablo oculta a porta de acceso ao Claustro do vello mosteiro, actualmente de propiedade privada e acceso imposible.
A porta sur, que dá acceso ao claustro, probablemente posúe, segundo din os que a puideron ver, o maior tímpano románico de toda Ribeira Sacra, no que se representan dúas figuras animais loitando nun artístico arabesco. Sobrias arquivoltas de medio punto enmárcano, sendo a exterior axadrezada como podemos ver en ventás e outras partes do templo.
Un amplo arco triunfal con decoración de axadrezado adorna o interior e distribúe os diferentes espazos.
O lateral norte posúe un retablo do Neno Xesús de Praga.
Conserva tamén de época medieval a pía bautismal.
Igrexa de San Salvador de Asma
Información e contacto
Lugar Portada, 5
Chantada
27519 Lugo