

Igrexa de San Salvador de Ferreiros

A igrexa parroquial de Ferreiros é románica, construída na segunda metade do século XII, con reforma posterior do frontis e da maior parte do alzado norte da nave.
Ten unha soa nave rectangular con cuberta a dúas augas. A ábsida é rectangular, máis estreita e máis alta que a nave, con arco triunfal de medio punto dobrado en aresta viva, que descansa sobre a parede divisoria mediante imposta de nacela. Hai unha ventaíña de arco de medio punto na cabeceira con acusado derrame interior.
A porta principal é de arco de medio punto adoelada. Na parte alta do frontis ten unha ventá rectangular. Coroa a fachada unha espadana. No beirado, os canzorros son lisos e xeométricos. Porta sur de medio punto oculto por un tímpano pentagonal sobre mochetas con motivos xeométricos.
No interior conserva algunhas esculturas barrocas do século XVIII: San Blas, Ecce Homo e a Inmaculada.
No fragmento esquerdo da cabeceira da nave pódense ver unhas pinturas murais que representan os misterios da Anunciación da Virxe do século XV ou XVI.
Para chegar á igrexa saímos desde diante da casa consistorial en A Pobra de Brollón, que está situada na Avda. de Galicia. Desde aquí tomamos a estrada que vai a Saa e ao chegar a este pobo collemos o desvío á esquerda que leva até o pobo de Ferreiros, ao que chegaremos nun dez minutos.
Igrexa de San Salvador de Ferreiros
Información e contacto

Ferreiros
A Pobra do Brollón
27336 Lugo
Equipamento e servizos


Accesibilidade

