Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa de San Vicente de Pinol

Igrexas/Capelas

Esta pequena igrexa é un bo exemplo do románico rural do século XII en Galicia.

A primeira mención documental da que temos constancia data do ano 1012 e ten que ver cunha doazón na que se menciona unha vila chamada «Pinioli».

Estamos ante unha igrexa románica elegante e de aparencia sinxela, que non conta con excesiva ornamentación, fóra de certos elementos como capiteis, canzorros e o seu curioso rosetón que presenta unha estrela de David calada. O conxunto organízase a partir dunha planta en cruz latina dunha soa nave, rematada na cabeceira por unha ábsida rectangular cuberta por bóveda de canón.

Este espazo chama poderosamente a atención polas súas impresionantes pinturas murais datadas no século XVI, as cales foron obxecto dunha recente restauración no ano 2020. No amplo espazo decorado é posible distinguir animadas escenas de gran beleza, entre as que destacan as representacións dunha elegante Anunciación no arco triunfal, imaxes de santos como San Sebastián, San Xurxo ou San Bartolomé, e outros temas máis específicos como a Misa de San Gregorio ou a Batalla de Clavijo. De especial interese resulta a monumental imaxe de San Cristovo, quen axuda a cruzar o río cun gran bastón a un mozo viaxeiro, o propio Cristo que repousa sobre os seus ombreiros. De igual modo, debemos destacar a notable presenza de restos de policromía no armazón de madeira do interior, no que constitúe unha manifestación de gran valor patrimonial.

Non podemos esquecernos tampouco dos retablos do transepto, debido á importancia dalgunhas das representacións contidas no devandito espazo. De entre eles é posible destacar unha pintura ao óleo sobre lenzo coa representación da Sacra Familia no retablo lateral dereito e unha magnífica Inmaculada no lateral esquerdo.

É igrexa parroquial e pertence á Diocese de Lugo. Como aspecto significativo é preciso destacar a vinculación de San Vicente de Pinol cos Condes de Lemos e, máis concretamente, co cardeal Rodrigo de Castro.

Fonte: Diocese de Lugo

Igrexa de San Vicente de Pinol

Información e contacto

Enderezo

Lugar O Campo Iglesia, 7

Sober

27422 Lugo

Horario
CONSULTAR HORARIOS EN "RESERVAR ENTRADA" (apertura ata o 14/09/2025)

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar