Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa San Xillao de Lobios

Igrexas/Capelas

A igrexa pertenceu a un antigo mosteiro de monxas beneditinas. Das dependencias monásticas non se conserva nada. A igrexa, convertida hoxe en parroquia, é un dos exemplos destacados do período tardorrománico na Ribeira Sacra (1200-1225).

Templo dunha soa nave con teitume de madeira e cabeceira rectangular. No interior, o tramo recto do presbiterio cóbrese con bóveda de crucería apoiada sobre ménsulas-capitel, elemento estrutural característico da arquitectura tardorrománica galaica. En cada unha das catro ménsulas aparece esculpido un elemento do Tetramorfos de acordo coa visión do profeta Ezequiel. Se miramos ao altar, á esquerda aparece o touro de San Lucas e o león de San Marcos. No sector oposto, distinguimos o aguia de San Xoán e o anxo de San Mateo. Estas figuras foron realizadas por mans distintas, xa que podemos observar diferenzas na técnica. É nas representacións de San Lucas e San Marcos onde se percibe un mellor acabado. As figuras, de pesada aparencia e tendencia cara á xeometrización, caracterízanse por ter rostros moi expresivos e mirada penetrante. No mesmo espazo interior destacan tamén as pinturas murais dos séculos XV e XVI, con especial protagonismo dunha dinámica escena na que varios anxos trompeteiros tocan o sinal que anuncia o Xuízo Final en presenza de Cristo en maxestade. A escena, realizada a partir da técnica do mezzo frescopresenta unha rica variedade cromática, á vez que o episodio representado amosa certo paralelismo co mesmo motivo presente nos muros da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. Outras das escenas destacadas son unha Resurrección de Cristo e a Natividade, cunha técnica diferente ás anteriores.

Como atractivo engadido destaca a presenza dunha pila bautismal de principios do s. XIII.

En canto ao exterior, destacan as dúas portadas principais. A sur presenta un abucinamento moi pronunciado, na que as arquivoltas apóianse sobre capiteis cunha interesante iconografía. O tema que subxace é a confrontación entre o ben e o mal. Así, as imaxes fantásticas, como centauros e dragóns, comparten espazo con distintas aves e a figura protagonista de San Miguel matando ao dragón. Polo que respecta á portada occidental, de menor abucinamento e carente de tímpano, atopamos un programa decorativo de maior sinxeleza, composto unicamente por motivos de inspiración vexetal e marcado aspecto xeométrico. Sobre a portada pódese ver unha fermosa fiestra arqueada gótica de vanos lanceolados, arco apuntado e decoración con bólas e cunchas de vieira.

Conserva tapiada a porta norte que daba acceso ao claustro, a cal conta cunha chambrana de axadrezado e decoración xeométrica e vexetal.

É igrexa parroquial pertencente á Diocese de Lugo.

Fonte: Diocese de Lugo

Igrexa de San Xillao de Lobios

Información e contacto

Enderezo

Lobios

Sober

27423 Lugo

Horario
CONSULTAR HORARIOS EN "RESERVAR ENTRADA" (apertura ata o 14/09/2025)

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En bicicleta
En coche
Cómo chegar Cómo chegar