Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa de Santa María de Castelo

Igrexas/Capelas

Igrexa románica da segunda metade do século XII, dunha soa nave, presbiterio cuadrangular e excepcional arco triunfal. Chegou até os nosos días sen apenas alteracións. exceptuando a espadana e parte do presbiterio modificados no século XVIII.

Os elementos románicos concéntranse en ventás con amplo derrame interno, dous laterais en cada muro, unha de delicada decoración na ábsida e a outra sobre o arco triunfal. Conserva así mesmo no interior o banco pétreo e dúas lacenas na ábsida. Os canzorros decóranse con elementos xeométricos ou vexetais.

A porta principal presenta arco de medio punto e dúas arquivoltas con moldura cortada en bisel e adornada con dentes de serra. A arquivolta decórase con arquiños cegos cunha bóla no seu interior na súa fronte. A arquivolta interior componse dun moldura de baquetón. Unha imposta corrida con decoración de talos ondulante nun lado, e no outro, unha dobre orde de dentes de serra serve de asento aos arcos. Dúas columnas en cóbado con orixinais capiteis moi estilizados. As xambas interiores rematan en mochetas decoradas con dente de serra e cabezas humanas, sobre as que se apoia o tímpano.

No tímpano podemos ver tres arquiños cegos sobre os que aparece unha cruz flanqueada por formas en voluta que a enroscan a cada lado.

A porta sur cunha soa arquivolta decorada na súa fronte con arquiños cegos con bóla no interior e o arco que a perfila con dente de serra. Apóianse sobre unha grosa imposta de bólas nun lateral e aneis. De novo columnas en cóbado sosteñen a arquivolta con decoración similar á porta principal de estilizados motivos vexetais. As mochetas presentan unha proa lisa, e a outra dous rolos, e presentan tamén o bordo de dente de serra.

A ampliación do presbiterio provoca o traslado da ventá absidal, onde a súa riqueza queda patente. Atópanse decoradas basas con finas rosetas, así como a fronte e intradorso da arquivolta e a liña de imposta. Nela destacan os capiteis decorados con finas aves emparelladas.

No interior, o arco triunfal tamén está profusamente decorado. A arquivolta exterior ten billetado e no seu interior repítense os motivos de arquiños cegos; o seguinte é liso. As impostas repiten tamén os motivos decorativos utilizados nas portas. Os capiteis das columnas decóranse con follas. No lado dereito todas albergan unhas bólas e no esquerdo, unha cabeza asoma entre elas.

No interior consérvanse dúas belas pías, unha de auga bendita e a outra bautismal. Tamén de factura románica e, probablemente, coetáneas da igrexa.

Non o perdas!

Destacan nas proximidades os restos do Castro de Castelo, que domina unha impresionante vista sobre o canón do Miño e, sen dúbida, ofrecía un espléndido control do territorio aos seus habitantes. En setembro celébrase a ancestral tradición da queima das "Fachas de Castelo".

Igrexa de Santa María de Castelo

Información e contacto

Enderezo

Castelo

Taboada

27559 Lugo

Horario
O interior da igrexa está pechado, só se pode acceder contratando visita con guías oficiais.

Equipamento e servizos

De balde
Aparcamento

Accesibilidade

En bicicleta
En coche
Cómo chegar Cómo chegar