Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa de Santa Mariña

Igrexas/Capelas

Sita en pleno casco histórico da vila do Asma, aparece flanqueada pola Casa de Basán, pola afamada Casona de Lemos (na actualidade destinada a Casa da Cultura) e pola Praza do Cantón, un dos centros neurálxicos da vila e un día, sede da xa desaparecida Fortaleza de Chantada propiedade do Marqués de Astorga.

Do edificio argumentar que a obra que podemos ver na actualidade é o resultado dunha reedificación realizada no século XIX; en alusión a este feito, existe unha inscrición sita entre a porta principal de acceso ó templo e o óculo superior que di o seguinte: “TERRIBILIS EST LOCUS ISTE. HIC DOMUS DEI EST ET PORTA COELI. ANNO MDCCCXVIII (“Magnífico e este lugar, esta é a Casa do Señor e Porta do Ceo. Ano de 1818)”. Pero aínda que o resultado final das obras se remonta a esta data, o comezo das mesmas produciuse anos antes. Será a partir de 1793 cando se dean inicio as mesmas, as cales debían de dar resposta aos problemas de espazo da igrexa anterior.

Deste xeito cómpre dicir que a sancristía que na actualidade se pode ollar foi realizada con materiais reaproveitados doutra construción: a ermida de Santa Ana. Situada na actual Praza de Santa Ana ou Plazuela, nome co que popularmente é coñecida, foi derruída no ano 1801 por orde do bispo Felipe Peláez Canedo para o fin anteriormente exposto.

Centrémonos agora en aspectos artísticos. O Templo distribúese arredor dunha nave rectangular que aparece rematada por unha sancristía semicircular. Acaroadas a esta última aparecen dúas capelas: a de San Antonio e a de San Xoán Bautista cuxo padroado pasou a ostentar a partires de 1819 don José María Quiroga y Pardo Arias. En canto a imaxinería argumentar que non se conservan os retablos primitivos a causa dun incendio. De entre as tallas existentes na actualidade destacar un Xesús coa Cruz ás costas (realizado por Máximo Magariños) ou un San Francisco que aparece abrazado ao Cristo descravado da cruz, obra premiada na Expo do ano 1912 celebrada en Barcelona.

Pero a verdadeira xoia deste templo é unha custodia que doou o Marqués de Astorga  aló polo ano 1779. Ao pé desta obra de ourivaría aparece un texto que fai referencia ao acontecemento anteriormente sinalado: “ LA DIO EL EXMO. SR. DN. VICENTE/ MARQS. DE ASTORGA/ A LA PARRQ. DE SU VILLA DE CHANTADA. AÑO 1779/ MIGL. MATRITI, (punzón), MG/ GONZ”. Esta custodia aparece adornada ou engalanada por máis de 330 pedras preciosas.

No exterior da edificación destaca pola súa fermosura a fachada de estilo neoclásico, presentando un frontis de catro pilastras cun entaboamento e frontón partido. A partires do mesmo arranca unha base sobre a que descansa unha torre cadrada cuxa función é a de soster o campanario que tamén presenta un segundo corpo octogonal. En canto ós muros de granito dicir que a maioría presenta unha traza regular estando dispostos de xeito horizontal; percíbese unha clara diferenza entre os perpiaños da nave principal e os da sancristía, que son os que se reaproveitaron da antiga ermida de Santa Ana.
 

Igrexa de Santa Mariña

Información e contacto

Enderezo

Praza de España

Chantada

27500 Lugo

Horario
O interior da igrexa está pechado, só se pode acceder contratando visita con guías oficiais.

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En coche
En bicicleta
Cómo chegar Cómo chegar