Igrexa de Santiago de Requeixo
O templo sufriu diversas reformas ao longo dos séculos, que modificaron a fábrica románica orixinal. Consta dunha única nave, capela lateral e cabeceira semicircular, a cuxo corpo se encosta a sancristía en 1780.
Ao exterior, a cabeceira organízase mediante catro columnas embebidas decoradas con motivos moi variados: antropomorfos, vexetais e zoomorfos. Son estes últimos, compostos por tres cuadrúpedes, moi similares aos situados en Santiago de Lousada (Carballedo) e San Salvador de Asma (Chantada). Do mesmo xeito, os canzorros que soportan a cornixa reiteran o mesmo tipo de decoración e idéntica influencia. Remata a composición unha fermosa xanela completa flanqueada por unha moldura axedrezada e dúas columnas de capiteis ornados con aves.
A nave, completamente reedificada, consta de varios elementos románicos redistribuídos nos seus muros, entre os que destaca un tímpano situado no lateral sur. Este presenta tres figuras de gran cabeza vestidas con túnica, sendo a central de maiores dimensións e mostrándose en actitude de bendicir. É probable que a peza se localizase na desaparecida portada principal románica.
Finalmente, no interior, a cabeceira atesoura catro gornecidas columnas en cuxos capiteis observamos a Daniel entre os leóns, grosas follas e varios cuadrúpedes. Completan a decoración varias pinturas murais situadas na bóveda datadas en o século XVI por Guerra Mosquera e onde se representan escenas da Xénese.
Texto de Máis que Románico.