Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Mosterios

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos conxuntos máis destacados e espectaculares do rico patrimonio monumental de Galicia. Foi construído entre os séculos XII e XVIII.
 

**********

VISITAS GUIADAS IGREXA (INVERNO):  de mércores a domingo ás 10:00, 12:00 e 16:30 horas (Precio visita: 5€). A igrexa permanecerá aberta de mércores a domingo, de 10 a 14 e de 15:00 a 18 horas (luns e martes horario variable, segundo dispoñibilidade) (Precio entrada, sen visita: 2€). A igrexa estará pechada en horario de visitas guiadas.
Información y reservas: 676 065 567 o iglesiasantoestevo@gmail.com 

*********

A tradición máis antiga fala de que Santo Estevo foi fundado no século VI por San Martín Dumiense. É probable que así fose, porque a cristianización de Galicia chegou pola ruta do sur a través das calzadas romanas da Bética a Braga e desta última a Astorga e Lugo. Por elas chega tamén o primitivo monacato.

Co privilexio de Ordoño II, expedido o 12 de outubro do ano 921, comeza a historia documentada deste mosteiro. O rei concédelle ao abade Franquila o territorio ruinoso e abandonado de Santo Estevo, cos seus soutos, pesqueiras e ribeiras para que edifique alí unha basílica ou mosteiro. Franquila, parece ser que rexía unha comunidade de ermitáns e decidiu restaurar a vida cenobítica en Santo Estevo.

Importante foi este mosteiro, porque a el se retiraron nove bispos que, renunciando ás súas sedes episcopais, escolleron o cenobio para finalizar os seus días ao longo do século X e, quizais, parte do XI. O mosteiro gardou os seus restos e como recordo levou ao seu escudo as nove mitras.

A igrexa presenta planta basilical, espazosa e proporcionada. Conserva a cabeceira románica con tres ábsidas, sendo a central de menor altura que as laterais, caso excepcional no románico galego. A fachada da igrexa é de finais do século XVI ou comezos do XVII. Na parte superior existe un sinxelo óculo que dá luz ao interior e remata nunha fornela dentro da cal está a imaxe de Santo Estevo.

No interior do templo destaca o retablo da capela, obra renacentista realizada por Juan de Angés no século XVI. De todas as escenas representadas destacamos no corpo inferior a escena dobre de martirio dun home e unha muller, que se identifica coa dobre escena da flaxelación de San Vicente e de Santa Cristina, como homenaxe ás dúas abadías agregadas, San Vicente de Pombeiro e Santa Cristina de Ribas de Sil.

Nun lateral do cruceiro da igrexa pódese ver un retablo pétreo, exemplar único no seu xénero e difícil de datar, posto que algúns autores sitúano no século XII e outros no XIII. Trátase dunha peza realizada en granito, de forma rectangular prolongada cuxa parte superior remata en frontón, algo extraordinario para a época. Representa a Cristo en Maxestade cos doce Apóstolos.

A fachada do mosteiro é de estilo barroco, construída en 1736.  Nela podemos ver entre columnas dúas imaxes de santos da orde: San Bieito e San Vicente. Encima destes, dous escudos. Á esquerda, o do mosteiro coas nove mitras que lembran aos nove bispos.  Á dereita, o da Congregación de Castela. Remata o conxunto o imperial de Carlos V.

Entramos ao mosteiro e atopámonos co claustro de portaría, tamén chamado dos cabaleiros. É de gran amplitude e dimensións. É unha obra de Diego de Isla, renacentista, do século XVI. Ten tres corpos, a diferenza dos outros que tan só teñen dous, xa que o mosteiro está construído nun terreo graduado cara ao río Sil. Chama a atención a cristaleira que ocupa un dos laterais, froito da restauración do mosteiro.

Desde o claustro de portaría, accedemos ao dos bispos, que, coa igrexa, é o máis antigo que se conserva no mosteiro. Chámase así porque nel estiveron enterrados os nove bispos que se retiraron a este mosteiro ata que os seus corpos foron trasladados á igrexa. Está composto por diversos estilos arquitectónicos, que conforman un conxunto homoxéneo e harmónico. Ten dous corpos: o inferior de estilo románico e o superior é unha transición do gótico ao renacemento.

O mosteiro ten outro claustro máis pequeno que é coñecido como o da cociña. Como o de portaría, é renacentista e o seu autor é Diego de Isla. Aquí estaba a cociña do mosteiro e o refectorio.

Podes facer unha visita virtual en 360º premendo eiquí.

Non o perdas!

Si se está visitando a zona recomendámosvos que vos acheguedes ao próximo Mosteiro de Santa Cristina, a uns minutos en coche. É outro dos grandes exemplos de arquitectura relixiosa en Ribeira Sacra.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Claustro dos Bispos

Claustro dos Cabaleiros

Información e contacto

Enderezo

Santo Estevo de Ribas de Sil

Nogueira de Ramuín

32162 Ourense

Teléfono contacto
988 010 110
Horario
ACTUALIZADO NOVEMBRO 2024
--
Este mosteiro é visitable de forma libre todo o ano a excepción do período de vacacións que establece a rede de Paradores para o establecemento cada ano (PECHADO desde 01/01/23 ata terceira semana febreiro 202).
--
VISITAS GUIADAS IGREXA: de mércores a domingo ás 10:00, 12:00, 16:30 horas. 
A igrexa permanecerá aberta de mércores a domingo, de 10 a 14 e de 15 a 18 horas (estará pechada durante as visitas guiadas). Luns e martes horario variable, segundo dispoñibilidade)
Prezo
Visita libre mosteriro de balde // (a entrada á igrexa, sen visita guiada, ten un custe de 2€) Visita guiada igrexa 2024: 5 €

Equipamento e servizos

Aparcamento
WC
Cafeterías
WiFi

Accesibilidade

Mobilidade reducida
Cadeira de rodas
Cómo chegar Cómo chegar