Dispoñible nova App de incidencias na nosa web

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra desenvolveu, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, unha aplicación de incidencias co obxectivo de mellorar a accesibilidade e goce dos diferentes atractivos turísticos do xeodestino, e ofrecer un servizo de acollida ao visitante. 

Esta nova ferramenta, que xa está dispoñible na web turismo. ribeirasacra.org, vai permitir mellorar e actualizar a información sobre os variados recursos turísticos dispoñibles e, especialmente, sobre o estado dos mesmos.

Calquera visitante pode dar a coñecer as condicións de accesibilidade e mantemento dos puntos de interese, a través dun sistema con xeolocalización automática no que, ademais dunha descrición, poderá engadir unha fotografía para acompañar o comentario que queira trasladar. 

Incidencias como a falta de sinalización nalgún punto dun roteiro de sendeirismo, o mal estado do acceso a un mosteiro ou a acumulación de lixo na contorna dun miradoiro, serán notificados de maneira inmediata ao Consorcio de Turismo que se encargará de poñer en coñecemento, á súa vez, ao responsable da xestión do recurso sobre o que se fai a crítica. Iníciase así un proceso de seguimento, do que se manterá informado o usuario, e co que se pretende que a incidencia quede emendada canto antes para que a imaxe do destino non quede "danada" para o visitante que o traslada e evitar que aconteza o mesmo con futuros visitantes. Dependendo do tipo de anomalía, poderá resolverse en cuestión de horas, días, semanas ou meses.

A aplicación permite identificar o recurso no que se sitúa o visitante de tres formas: xeolocalización automática do punto onde se atopa co seu terminal, localización do recurso sobre un mapa ou a utilización dun buscador introducindo o nome do lugar ou do recurso. Así mesmo, este rexistro fai partícipe ao turista na xestión sostible e eficiente da Ribeira Sacra, mediante a súa colaboración e compromiso, xa que ademais de reportar incidencias, esta ferramenta permite recoller valoracións, suxerencias, opinións ou as impresións xerais sobre o destino a nivel global. Recibir este tipo de comunicacións de maneira permanente constitúen, sen dúbida, materia prima de gran importancia para mellorar na xestión do destino. 

O acceso á aplicación pode facerse desde a portada da páxina web de Turismo Ribeira Sacra ou desde a ficha de cada recurso.