Feira-Mostra do Viño de Amandi 2020

En 2020, o concello de Sober reinvéntase e prepara unha mostra alternativa para celebrar a XL edición da Feira do Viño de Amandi, con actividades pensadas para profesionais. En novembro terán lugar as actividades do Mes do Amandi e o 5 e 6 de decembro terá lugar a Feira-Mostra no Hotel Pazo de Sober. A programación e o cartel serán presentados este sábado 7 de novembro. 

 

Dende o Concello de Sober ultiman un programa de actividades para levar a cabo durante o mes de novembro que culminaría coa Feira-Mostra do Viño de Amandi os días 5 e 6 de decembro no salón de eventos do Hotel Pazo de Sober.

O formato da mostra será similar ao do túnel do viño de Amandi, que se celebrou os últimos anos en Sober coincidindo coa Feira da Rosca.

Todas as actividades estarán pensadas para profesionais do sector (distribuidores, hostaleiros ou xornalistas especializados), e a entrada será con invitación para poder cumprir cos correspondentes protocolos anti covid.


Mes do Amandi

O próximo sábado 6 de novembro dende o Concello farase a presentación do cartel e o programa de actividades do Mes do Amandi e das dúas xornadas que durará a mostra.

Durante o Mes do Amandi haberá varias actividades, algunhas delas retransmitidas a través das redes sociais e durante os dous días de Mostra, en decembro, haberá cata cun panel de especialistas para outorgar, como o último ano, 3 premios a tintos de 2019, un premio a tintos de outras anadas e un premio a brancos de 2019.

Desde o Concello explican que a situación sanitaria obriga a reinventarse e ir perfilando a Feira do ano próximo que, coincidindo coa fin de semana do domingo de Ramos como foi sempre, tería que celebrarse os días 27 e 28 de marzo. “Todo fai pensar que terá que ser nun formato parecido ao deste ano”, precisan.

O obxectivo do Concello, explica o alcalde, Luis Fernández Guitián, é a promoción do seu produto máis característico e, debido a situación sanitaria, “non queda outro remedio que reinventarse ou non facer nada”.

 

Cartel Feira -Mostra do Viño de Amandi 5 e 6 de decembro de 2020