Galería
Galería

Laboratorio de Experiencias Turísticas

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra impulsa un Laboratorio de Experiencias Turísticas para testar novas propostas vinculadas á cultura, á natureza, á auga, á creación artística e á produción local.

Ribeira Sacra, 19 de maio de 2026

A iniciativa está orientada a avaliar a oferta existente no destino, identificar recursos con potencial e deseñar novas propostas que permitan seguir avanzando cara a un modelo turístico máis auténtico, sostible e vinculado ao territorio.

Este laboratorio nace como un espazo de análise, creación e aprendizaxe compartida, no que se busca testar experiencias piloto que permitan valorar tanto a súa viabilidade organizativa como o interese que poidan espertar entre empresas, profesionais locais e visitantes.

A partir do traballo realizado, o seguinte paso será desenvolver unha serie de experiencias repartidas polo conxunto dos municipios que conforman Ribeira Sacra, atendendo á diversidade territorial, ao momento actual do destino e aos elementos que mellor poden conectar co tipo de visitante que se quere potenciar: unha persoa interesada na cultura, na paisaxe, na natureza, no patrimonio, nos produtos locais e nas historias humanas que dan vida ao territorio.

Experiencias vinculadas á identidade de Ribeira Sacra

As propostas deseñadas polo Laboratorio estrutúranse arredor de tres grandes ámbitos de traballo.

Por unha banda, desenvolveranse experiencias vinculadas aos valores singulares recollidos no expediente da Candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, que será resolta no mes de xullo. A candidatura preséntase baixo a categoría de Paisaxe da Auga, polo que estas actividades buscan poñer en valor elementos paisaxísticos, xeolóxicos, patrimoniais e culturais relacionados cos ríos e cos recursos que os acompañan: fervenzas, meandros, muíños, pontes, encoros...

Outro dos eixos estará relacionado cos proxectos artísticos e artesanais presentes no territorio. Ribeira Sacra conta cun importante número de artistas, artesás, artesáns, creadoras e creadores locais que poden achegar ao visitante propostas singulares, contribuíndo ao mesmo tempo a consolidar unha oferta cultural de calidade.

O terceiro ámbito céntrase nas produtoras e produtores locais. Estas experiencias permitirán que as persoas visitantes coñezan de preto traballos, procesos e produtos que moitas veces permanecen afastados da mirada turística, ao tempo que serven tamén como ferramenta de promoción e venda para as propias produtoras e produtores.

Catro liñas temáticas de traballo

Para levar adiante estas experiencias, o Laboratorio organiza as propostas en catro liñas temáticas: Artes na Ribeira, Auga Activa, Buses Experienciais e Cultura da Auga.

  • Artes na Ribeira céntrase en actividades vinculadas ás distintas artes, como a música, a danza, a pintura...
    • Sinte a danza e a música contemporánea: inclúe taller e demostración de danza contemporánea e un concerto participativo de pianO
    • Faite artista por un día. Taller de escultura con Joaquín Balsa e taller de pintura con Modesto Trigo
    • Xogando co teatro de rúa: taller de teatro de rúa con creación de texto, personaxes e representación da mesma ao final da xornada.
    • Coñece a música de raíz: Introducción aos instrumentos de raíz, elaboración dun instrumento propio e paseo musicado.
    • Descubre a música e o baile tradicional: Taller de danza tradicional e taller de pandeireta.
       
  • Auga Activa inclúe actividades de turismo activo nas inmediacións dos ríos, complementando a actividade puramente deportiva coa interpretación da paisaxe, da cultura, da xeoloxía...
    • Desvelando un tesouro natural: as fragas do Navea
    • Sendekaiak: ruta de sendeirismo con un tramo de kaiak
    • Descendendo barrancos aprendemos xeoloxía: descenso dun cañón na compaña dun xeológo
    • Imos á procura do ouro: ruta por unha antiga ruta romana, visita ao museo da Minería Aurífera Romana e actividade de bateo de Ouro no río Lor.
    • Pescando e do río gozando: xornada de iniciación á pesca
    • Coñece o patrimonio da auga na ruta do Mao: ruta interpretativa seguindo o PRG 177 e descubrindo a cantidade de elementos vinculados a auga que hai no percorrido.
       
  • Buses Experienciais: percorridos en autobús visitando produtoras, produtores e/ou artistas locais.
    • SaborBus. Visitas a empresas produtoras de alimentos
    • GranxaBus. Visitas a explotacións agrogandeiras
    • ArtistaBus. Visita aos talleres de artistas ou artesáns
       
  • Cultura da Auga profunda na relación histórica, cultural e simbólica de Ribeira Sacra coa auga.
    • Unha tade no muíño, unha tarde non é nada: una xornada coñecendo como funcionaban antigamente os muíños, tanto como lugar de traballo como espazo compartido de ocio, música e baile.
    • Na procura das xacias: sairemos en busca dos seres mitolóxicos e lendas que existen na Ribeira Sacra.
    • Císter, arquitectura da auga: percorrido sobre a importancia da auga no desenvolvemento dos mosteiros.
    • De Diomondi a Belesar, un camiño contado. O percorrido do Camiño de Inverno ao paso por Belesar, con distintos elementos da cultura da auga, como o Ecomuseo de Arxeriz.
    • Os encoros, transformación da paisaxe no século XX. Visita ao interior dun encoro e percorrido interpretativo da paisaxe formada pola construcción dos mesmos.

 

Todas as actividades inclúen desprazamentos no caso de ser necesario, comida e/ou aperitivo, ademais dun agasallo de recordo para as persoas participantes.

O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas poderán anotarse a través das canles habilitadas, ata completar as prazas dispoñibles. Co obxectivo de facilitar unha participación máis ampla e equilibrada, cada persoa poderá reservar un máximo de dúas experiencias.

Enlace de reservas: https://taquilla.ribeirasacra.org

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra asume, pola súa banda, con cargo ao “Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua” —Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU—, o custo económico do proxecto. En concreto, inclúense gastos derivados do deseño, coordinación, organización e execución das experiencias, os desprazamentos necesarios para o seu desenvolvemento, comidas, materiais de apoio, agasallos de recordo e as accións de comunicación e difusión vinculadas ao Laboratorio de Experiencias.

Laboratorio de Experiencias Turísticas