Ribeira Sacra xa é BIC!

A Xunta declara BIC (Ben de Interese Cultural) a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, paso previo para que poida optar a Patrimonio Mundial da Unesco.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto polo que se declara BIC a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, paso previo para que poida optar a Patrimonio Mundial da Unesco. Feijóo asevera que queda así acreditado o seu carácter sobranceiro e garantido o máximo nivel de protección para este ben, cuxa extensión acada arredor de 180 quilómetros cadrados.

O titular do Executivo autonómico precisou que en virtude deste decreto queda establecido que a paisaxe cultural da Ribeira Sacra abrangue parte do territorio de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense en dúas zonas diferenciadas: a do BIC; e a de amortecemento. Ademais de incluír unha serie de bens individuais: os que gozan xa da máxima protección -70 Bens de Interese Cultural entre inmobles (58), mobles (3) e manifestacións do patrimonio inmaterial (9)-; 512 bens inmobles catalogados no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, é dicir, que se sitúan dentro da zona BIC e de amortecemento do ben que se declara polo presente decreto. E 634 bens inmobles de carácter sacro catalogados no conxunto do territorio da Ribeira Sacra -capelas, igrexas, ermidas, etc-, existentes nos 22 concellos representados desde o límite da Zona de Amortecemento ao límite do concello.

Máis información - fonte oficial:  https://www.xunta.gal/