Galería
Galería

XXIII FEIRA DA ROSCA E 2º TÚNEL DO VIÑO AMANDI

O Concello de Sober organiza os días 11 e 12 de agosto a XXIII Feira da Rosca, o mel e outros produtos da Ribeira Sacra. Van participar un total de 16 postos: 3 rosqueiros, 2 oleiros de Gundivós, 2 produtores de mel, 4 artesáns, 3 queixerías e 2 produtores artesanais de castaña e derivados.

Programación

A festa comeza o sábado ás 19:30 horas no salón de actos do Centro Sociocultural cun showcooking a cargo de Carlos Javier González, chef do Restaurante Merenzao baixo o nome ‘A rosca de Sober no restaurante’.
 
Ás 21:00 horas farase a apertura dos postos e ás 22:00 actuará o grupo ‘Vai en concerto’. Ás 23:00 horas terá lugar unha degustación gratuíta de rosca con licor café e mel.
 
domingo ás 10:00 horas haberá un disparo de bombas de palenque e ás 10:15 abrirán os postos da feira. Ás 10:30 horas haberá unha demostración de cestaría en vivo coa que colabora o CENTRAD da Deputación de Lugo.
 
Ás 12:00 horas haberá un espectáculo de teatro de rúa: ‘Duncan de Palleiro’. Ás 12:30 haberá unha actuación do grupo de música tradicional ‘Os Valuros’ e ás 13:00 horas será a quenda da degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo.
 
Ás 13:30, de novo unha actuación do grupo de música tradicional ‘Os Valuros’.
 
Segundo Túnel do Viño

Aproveitando a celebración da XXIII Feira da Rosca o Concello de Sober e Vinosacra.es organizan o Segundo Túnel do Viño Amandi, un evento no que degustar os viños da subzona de Amandi e Sober. O túnel será inaugurado o sábado ás 11:30 horas.
 
Haberá máis de 30 adegas que participaron con máis de 50 referencias. Unha oportunidade única de coñecer os viños de Amandi e Sober da man de sumilleres profesionais.
 
A carpa do túnel do viño estará aberta o sábado en horario de 11:30 a 14:30 e de 17:00 a 19:30 horas e o domingo de 11:30 a 14:30 horas.
 
Na cita, organizada polo Concello de Sober e Vinosacra.es, colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, Artesanía de Galicia, Queserías Prado e Torre de Núñez.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, convida a todos os veciños e veciñas da localidade e dos concellos limítrofes, así como ás persoas que se atopan de vacacións na zona a desfrutar da mellor gastronomía e  mellor viño que temos para ofrecer.
 

Coincidindo con esta festividade, celébrase na localidade a primeira Feira Avícola.
 

Data: 11 e 12 de agosto

Lugar: Praza do Concello de Sober

Máis información: 982 46 00 01 - info@concellodesober.com

XXIII FEIRA DA ROSCA E 2º TÚNEL DO VIÑO AMANDI