PR-G 218 Circular do Montouto
Nesta ruta circular de dezaoito quilómetros descubriremos un moi ben conservado bosque autóctono coñecido como Devesa do Cervo. Posteriormente ascenderemos ata a cima do Montouto, onde desfrutaremos dunhas panorámicas asombrosas. Para rematar, descenderemos ata o río Soldón, e acompañarémolo augas arriba ata chegar de novo ao punto de partida.
Comezaremos esta ruta en O Mazo (Soldón), un pequeno cúmulo de casas tradicionais desta zona de vales e montañas. Descenderemos ao carón do río Soldón, compartindo o trazado co PR-G 191 Ruta de A Seara a Rugando durante algo máis de cincocentos metros. Chegaremos a unha bifurcación e viraremos a esquerda onde comezaremos a introducirnos na fermosa Devesa do Cervo, un compendio de árbores e plantas de múltiples especies que medran ao longo dun profundo val aos pés do Montouto. Despois de cinco quilómetros camiñando por esta devesa comezaremos a ascender pola ladeira da montaña por un camiño máis amplo, chegando a unha pista forestal que nos levará ata o comezo do camiño que sube ata a cima. Trátase dun sendeiro pouco definido e cun gran desnivel polo que é preciso ter certa forma física para afrontalo. Unha vez na cima as vistas son abraiantes, podendo ver case todas as montañas máis altas de Galicia. Dende aquí camiñaremos pola crista da montaña ata chegar a unha pista pola que descenderemos ata o río Soldón de novo, por onde ascenderemos ata chegar de novo ao Mazo.
Trátase dunha ruta de montaña que vai por lugares afastados de zonas poboadas e que no inverno e moi posible que haxa neve. Por elo é preciso calcular o tempo que nos levará realizala e consultar a previsión meteorolóxica.
Non o perdas!
Recomendámosvos facer unha pausa no camiño e visitar os restos da Ferrería do Mazo, para imaxinarnos a antiga actividade que se levaba a cabo neste edificio e que supuña unha das actividades principais na Serra do Courel noutros tempos.