
PR-G 137 Ruta dos Soutos de Cesuris

Entre castiñeiros centenarios, esta ruta intérnase no Macizo Central para percorrer un dos recantos máis descoñecidos dentro do municipio de Manzaneda. Un lugar onde, malia o despoboamento, aínda se manteñen vivas actividades tradicionais coma o pastoreo, a agricultura e a recollida da castaña.
Tras cruzar San Miguel de Bidueira e deixar atrás a igrexa parroquial do mesmo nome atópase o cartel de inicio desta ruta. Dende aquí, coa panorámica do glaciar de Prada ás nosas costas, dirixímonos cara á aldea de Trabazos, que esconde a capela de Santo Antonio, ata alcanzar Cubeiros. Dende Borruga, atravesando o Souto de Tonxil e Placín, chégase ao final desta ruta nas aforas de San Miguel de Bidueira. Chegados a este punto existe a posibilidade de enlazar este sendeiro co PR-G 138 Ruta do Val Glaciar de Prada.
Non o perdas!
Durante os meses de outubro e novembro, os bosques de castiñeiros ou soutos énchense de colleiteiros á procura da castaña. A variedade máis común no municipio de Manzaneda é a castaña amarelante, de alta calidade e moi valorada no mercado. Ademais de ser unha das maiores produtoras nacionais de castaña, Manzaneda conserva o castiñeiro de maior perímetro de Galicia en Rozabales, a pouca distancia da ruta.
O final da temporada da castaña está marcado pola actividade coñecida como «A Rebusca», na que se escolman a man as últimas castañas da colleita.