Xacementos Arqueolóxicos
O patrimonio arqueolóxico que podemos atopar en Ribeira Sacra abarca unha gran amplitude temporal, dende restos prehistóricos ata tumbas medievais.
As terras de Ribeira Sacra foron poboadas dende fai milleiros de anos. Unha mostra diso son os diversos dólmenes e mámoas que se atopan ao longo do seu territorio. Asentamentos como o de Castromaior, cuxa orixe está datada no século V-IV a.C. e estando considerado como un dos máis importantes da península Ibérica desta época, permítenos intuir a importancia da zona xa dende antigo.
Posteriormente coa chegada do Imperio Romano, produciuse na zona unha gran transformación, deixando nestas terras varias mostras da súa presenza. Un exemplo diso pode ser o túnel de Montefurado, unha gran escavación na montaña que os romanos realizaron para desviar o leito do Sil e aproveitar os seus recursos auríferos.
Máis adiante, durante a Idade Media, os señores feudais que dominaban estas terras deixaron tamén boas mostras do seu poderío. Os castelos de Castro Caldelas ou o da Peroxa, así como a Torre da Homenaxe do destruído Castelo de Monforte son un claro exemplo da arquitectura militar desta época. Dunha orixe máis humilde, aínda que datadas tamén nos séculos X-XII, son as tumbas de San Vítor de Barxacova. Esta curiosa necrópole foi escavada sobre a dura rocha, permitindo conservar a día de hoxe as súas siluetas.