Galería
Galería

16.2.b Peares

XEOMORFOLOXÍA DO SIL

O río Sil nace a case 2000 metros de altitude ao pé de Peña Orniz (León), percorre 237 quilómetros polas provincias de León, Lugo e Ourense, e desemboca no Miño na localidade na que nos atopamos.

No seu percorrido observamos dous tipos de paisaxe, marcados polas características das rochas que conforman o terreo. Cando estas son brandas, tipo lousa, o río discorre ancho e aberto, mentres que nas zonas graníticas o río encaixase en profundos vales, sendo o exemplo máis espectacular o Canón do Sil.

O Canón do Sil ten unha lonxitude duns 35 quilómetros e remata bruscamente na súa desembocadura no Miño. Conta con espectaculares paredes graníticas de ata 500 metros de altura sobre o río, e a súa riqueza natural está protexida como Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000.

INFRAESTRUTURAS

A localidade dos Peares, situada no punto de unión dos ríos Miño e Sil, é ademais un lugar importante nas comunicacións entre Monforte de Lemos e Ourense (e polo tanto entre a meseta e o sur de Galicia), provocando estas dúas razóns que poidamos ver importantes obras de enxeñería como as que describimos a continuación:

 

Presa dos Peares. O río Miño baixa encaixándose desde Portomarín ata Os Peares, polo que este foi o lugar elixido en 1947 para construír un encoro de aproveitamento eléctrico que sería unha das grandes obras de enxeñería da época. Este muro de 94 metros de altura e 261 metros de lonxitude na súa cota máis alta, recolle 182 Hm3 e  rematouse de construír no 1955.

Ponte do ferrocarril. Esta ponte foi deseñada polo enxeñeiro Manuel Maese en 1880 e construída pola compañía belga Braine Le Comte (autora tamén da Ponte Internacional de Tui), para unir as conexións ferroviarias entre Monforte de Lemos e Ourense, que ata ese momento salvaban o paso do río mediante barcazas.

Estaba previsto rematar a súa construción en 1885, pero finalmente a proba oficial fíxose o 18 de setembro de 1888, fito que os medios da época resaltaron nas súas follas: “Catro cilindros de estrada e dous grandes carros cheos de pedra, arrastrados por 24 parellas de bois, pasaron con toda felicidade, sen que o enorme peso de 40 toneladas fixese baixar a ponte máis de medio centímetro, nin fosen de importancia os movementos laterais”

 

Viaduto N-120. A comezos da década dos 90 do século XX iniciáronse as obras de remodelación da estrada nacional N-120 entre Monforte de Lemos e Ourense, que permitirían reducir considerablemente a duración da viaxe e mellorar a seguridade.

O desafío maior era o paso sobre o Miño e o Sil na zona dos Peares, que se solucionou coa construción dun viaduto de 250 metros de lonxitude a 75 metros de altura, con piares centrais apoiados en ambas marxes do Sil e separados entre sí 100 metros.

PEARES

Cómo chegar Cómo chegar