Galería
Galería

16.5 Erbedeiro

ALDEA DE ERBEDEIRO


Esta aldea viviu os seus mellores anos na primeira metade do século XX, cando chegou a ter a súa propia fábrica de luz, que subministraba a Erbedeiro e Chouzán.
Co paso dos anos foi esmorecendo ata quedar abandonada, e actualmente está rehabilitada para o seu uso cultural e turístico.
O seu nome vén de “érbedo”, arbusto de froito vermello comestible. Nun paseo pola contorna atoparemos gran abundancia deles, ademais dun gran sobreiral, aciñeiras, salvia ou romeu, dando lugar a un bosque de clima mediterráneo único na zona.

A BARCA DE SERNANDE - MAIORGA


Pouco antes de chegar a Erbedeiro pasamos polo lugar de Sernande, co seumiradoiro sobre A Illa, un lugar que tivo grande importancia polo paso de barca que ata comezos do século XX trasladaba mercancías e persoas dunha beira á outra, especialmente os días 17 e 29 de cada mes, xa que permitía ás xentes de Pantón acudir á importante feira do Castro de Carballedo.
Xa cara os anos 80, o barqueiro seguía en servizo, levando ás xentes da contorna ata a Illa, alto dun cumio asolagado polo encoro, que quedou rodeado de auga como se fose unha illa, e ao que, co bo tempo, moita xente adoita ir pasar o día.

 

PENEDO DO GARABULLO E FERVEZA DE FONDÓS


Seguindo pola estrada cara o sur, a menos dun quilómetro atoparemos o Penedo do Garabullo ou do Graúllo. Trátase dunha formación rochosa de gran tamaño que no seu cumio alcanza os 444 metros de altitude e por cuxo lateral discorre o río Fondós en forma de fervenza, antes de desembocar no Miño.
Este lugar, de singular beleza natural, tamén foi durante moito tempo obxecto de numerosas lendas. A máis popular fala de que no tempo das bruxas Ribeira Sacra estaba protexida delas pola influencia das numerosas igrexas e capelas que existen, excepto un lugar, o penedo do Garabullo, onde no seu cumio paraban as bruxas a descansar.


ALDEA DA MÍLLARA


Na outra beira destacan os viñedos e aldea da Míllara. Este lugar, que ata comezos do século XXI era unha aldea abandonada, hoxe conta cunha ducia de vivendas rehabilitadas seguindo estritos requisitos de respecto á arquitectura orixinal e, por suposto, unha adega que se abastece deses viñedos que a rodean, producindo e embotellando as súas propias marcas.

ERBEDEIRO

Cómo chegar Cómo chegar