Galería
Galería

16.9.c Peares - Torrón

Aproveitamos esta parada para coñecer as infraestruturas que permitiron mellorar as comunicacións entre as dúas beiras do Sil e do Miño, facendo dos Peares un punto moi importante a finais do século XIX e ata mediados do XX.
 

Ao noso carón, un enorme piar, de 75 metros de altura, xemelgo doutro situado na outra beira do Sil, que sosteñen o viaduto da N-120 construído nos anos 90 para mellorar a seguridade e o tempo de viaxe entre Monforte de Lemos e Ourense.
Á nosa dereita podemos observar a ponte do ferrocarril sobre o Miño, de fronte a nova ponte sobre o Miño, unido xa ao Sil, e á esquerda a ponte antiga da vella N-120, actual N-120a.

 

PONTE DO FERROCARRIL
Esta fermosa ponte que chama a atención da nosa mirada foi construída en 1885, sendo o último tramo en rematarse para o funcionamento completo da liña Monforte de Lemos – Vigo, no punto quilométrico 027/332.
Ten unha lonxitude de 107 metros, con 3 tramos metálicos artellado co sistema de vigas en celosía e foi construído pola Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo (MZOV) para salvar o obstáculo do tramo final do río Miño no seu encontro co Sil.
Como curiosidade, a ponte era de cor negra ata o ano 2004 cando RENFE, xunto co Consorcio Local, deciden cambiar a cor ao actual azul.


PONTE SOBRE O MIÑO


A máis moderna destas infraestruturas foi rematada no ano 2016 e ten unha lonxitude de 193 metros, que se salvan con cinco vanos apoiados en dous piares normais e outros dous en V, sendo o maior deles de 64 metros.
A plataforma está deseñada para un uso compartido entre vehículos e peóns, cunha anchura de 5,05 metros, xa que as estradas que une non teñen moito tráfico, nin é usado por vehículos pesados.


PONTE ANTIGA DOS PEARES

Esta ponte antiga proxectouse en 1880 e conta cun só vano de 62 metros e vigas de alma chea de 5 metros de canto. O deseño do enxeñeiro Manuel Maese contaba con vigas en celosía, pero a empresa construtora, a belga Braine Le Compte. propuxo o cambio e así se construíu.
Tras unha ardua construción debido á forza e crecidas do Sil, a comezos de 1888 procedeuse á retirada dos andamios, e tras o pintado e colocación do chan de madeira fíxose a proba de carga que permitiu a súa apertura en setembro de 1888.
O levantamento desta ponte supuxo a perda de traballo das barcas de paso, que ata ese momento eran as responsables de trasladar persoas e mercadorías sobre o Miño e o Sil.

Os Peares- Torrón

Cómo chegar Cómo chegar