
17.1 Soutochao
O río Sil nace en Pena Orniz, no límite entre Asturias e León, a 1980 m.s.n.m. e discorre durante 234 quilómetros polas provincias de León, Ourense e Lugo, para terminar desembocando no río Miño, do cal é o principal afluente, na localidade dos Peares.
XEOMORFOLOXÍA DO SIL
O tramo pertencente á Ribeira Sacra, duns 60 km que van de Quiroga aos Peares, serve de fronteira natural entre as provincias de Lugo e Ourense, conformando no seu último treito o famoso Canón do Sil, declarado Zona de Especial Conservación na Rede Natura 2000.
Esta excepcional garganta fluvial, produciuse ao longo de milleiros de anos, a causa de dous factores principais: poderosos procesos xeolóxicos relacionados coa tectónica de placas e a erosión das augas sobre o leito rochoso.
VITICULTURA E PAISAXE
Desde este punto obtéñense unhas fantásticas panorámicas do río Sil e do seu canón, caracterizado por ladeiras de pendentes acusadas, superiores aos 45º, dedicadas ao cultivo da vide en socalcos e que dan lugar a unha paisaxe de excepcionais valores estéticos.
Este espazo de cultivo obriga a que practicamente todo o traballo na viña (a excepción dalgúns raís que axudan a subir as caixas de uva) sexa manual, artesanal, froito dun duro traballo, razóns polas que se denomina “viticultura heroica”. En homenaxe a estes heroes atopamos a enorme escultura de granito que Manuel Rial lles dedicou, representando a un “carreteiro”.
Na outra beira, pertencente ao concello da Teixeira, observamos un vizoso bosque autóctono de carballos, castiñeiros e piñeiros.