
17.2. Viña Cortezada
Atopámonos na viña Cortezada, unha das máis características de Ribeira Sacra e que actualmente pertence a Adega Algueira, situada en Doade (Sober). Ten unha superficie dunhas 4 hectáreas, con muros de ata 200 metros de lonxitude e 3 metros de altura, salvando unha inclinación entre os 50º e os 60º. Tardaron 28 anos en construíla, desde logo unha obra faraónica.
OS SOCALCOS
Converter unha ladeira en socalcos cultivables era unha tarefa moi dura e laboriosa, que en moitos casos levaba anos de traballo. O proceso comezaba coa limpeza da ladeira seguida da creación dun foso na parte baixa no que se parten as rochas que serven para facer un muro de contención. Unha vez levantado o muro, énchese a parte posterior cunha capa de pedras, outra con mestura de terra e pedras, e por último, terra fértil, traída das partes altas da ladeira. E por último, plántase a vide na parte máis próxima ao muro, permitindo o traballo desde a parte posterior.
Estas construcións son ideais para o cultivo da vide, xa que, ao non usar argamasas, liberan sen problemas os excesos de auga que poida causar a chuvia. Ao mesmo tempo a pedra serve de acumulador da calor, recolléndoa durante o día e desprendéndoa durante a noite, mantendo unha temperatura máis estable na viña.
RUTH MATILDA ANDERSON
Esta fotógrafa estadounidense percorreu Galicia por encargo da Hispanic Society of América entre 1924 e 1926 tomando máis de 5.000 fotografías e documentando paisaxes, oficios e costumes.
En 1925, deixou retratada a construción da viña Cortezada, xa practicamente rematada, cunha cuadrilla de catorce homes traballando nela.