A Caverna de Santo Estevo

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, o Concello de Nogueira de Ramuín e Iberdrola únense para fomentar o turismo industrial en Santo Estevo nun proxecto piloto, con oito xornadas de visita que ESGOTARON AS SÚAS PRAZAS en cuestión de horas.

Ribeira Sacra, 10 de novembro de 2023

A de Santo Estevo será a primeira Central Hidroeléctrica de España do grupo Iberdrola en abrir as súas instalacións aos visitantes. 

Dáse así un fito histórico no territorio; nunca antes unhas instalacións deste tipo permitiron a entrada a persoas alleas á empresa, salvo visitas escolares anos atrás.

Esta é unha aposta polo turismo industrial na que o Consorcio de Turismo leva tempo traballando e que agora, gracias a Iberdrola, é unha realidade. A compañía enerxética, ademáis de formar aos guías turísticos que acompañarán ao grupo, pon a disposición o acceso e visita ás instalacións e persoal de reforzo sen ningún custe.

O Consorcio agradece enormemente a implicación de Iberdrola para a preparación das visitas nas últimas semanas. Para este organismo é fundamental que os visitantes comprendan e interioricen que a paisaxe da que hoxe desfrutamos, a navegabilidade dos ríos ou o moldeado das ladeiras para a produción vinícola, forman parte dunha paisaxe viva, adaptada e moldeada pola presencia humana para o seu aproveitamento en distintos sectores produtivos e en diferentes épocas.

A visita ao complexo de Santo Estevo incluirase dentro dun percorrido polo Concello de Nogueira de Ramuín, descubrindo algúns dos seus moitos atractivos turísticos (miradoiros, as mámoas das Cabanas ou o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil).

Os visitantes comezarán a xornada, acompañados dun guía especializado, ás 10:00 horas. A de Santo Estevo será a última parada do percorrido. Alí, persoal técnico da compañía ensinaranos a Central Hidroeléctrica, as privilexiadas vistas dende o alto da presa (115 metros sobre o nivel do río) e a xoia da central, a caverna coñecida como Santo Estevo II. Descenderemos a 100 metros de profundidade para coñecer esta obra exemplar, rematada en tempo récord (2008-2012) e que posiciona a Santo Estevo na Central Hidroeléctrica máis importante da Comunidade. A xornada rematará aproximadamente ás 14:00 horas.

Datas: venres e sábados entre o 17 de novembro e o 9 de decembro de 2023.

Duración: de 10:00 a 14:00 horas. 

Prezo: 6€/persoa

Condicións especiais

  • Actividade destinada a maiores de 12 anos, con DNI en vigor, e acompañados dun adulto en todo momento.
  • Todos os participantes deberán asinar unha declaración responsable antes do acceso á Central Hidroeléctrica, na que se comprometerán a respectar as normas de seguridade establecidas pola empresa.
  • A actividade estará suxeita a modificacións ou cancelacións por mor de imprevistos que poidan xurdir no funcionamento da Central. Iberdrola comunicará por escrito ao Consorcio calquera cambio no horario previsto de visita ou a suspensión da mesma por causa xustificada cunha antelación mínima de 24 horas, ofrecendo unha alternativa, que se lle comunicará inmediatamente a todas aquelas persoas con reserva previa.


Actividade patrocinada con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra. A visita ás instalacións de Santo Estevo e o persoal de seguridade que acompañará ao grupo é posto a disposición por Iberdrola de xeito completamente gratuíto. 

PRAZAS ESGOTADAS