Colexio de Nosa Señora da Antiga
No Campo da Compañía, en pleno centro da cidade, atopamos outro dos edificios máis emblemáticos de Monforte de Lemos: o Colexio de Nosa Señora da Antiga, o legado máis valioso deixado pola Compañía de Xesús en Galicia.
O colexio foi fundado polo Cardeal Don Rodrigo de Castro, fillo da III Condesa de Lemos Dona Beatriz de Castro e de Álvaro Osorio. As obras comezaron no ano 1593 e terminaron no ano 1913 trala venda do cadro A Adoración dos Reis do pintor Van der Goes.
Don Rodrigo creou un gran centro de ensino en Monforte e pensou que fose rexentado polos Xesuítas e baixo a advocación de Nosa Señora da Antiga, da que era moi devoto.
O edificio é de estilo renacentista e de traza herreriana, cun gran templo no centro e dous corpos laterais completamente simétricos. A fachada está realizada en granito do país e mide 110 metros. Coroan a fachada da igrexa o escudo de España e o escudo do Cardeal. É coñecido como “O Escorial galego”.
O interior conserva obras moi interesantes. Chama a atención pola súa amplitude a escaleira, realizada en granito compacto con banzos dunha soa peza, que apenas acusaron o paso dos anos. Posiblemente foi construída entre 1594 e 1603. Consta de tres tramos, sen visible apoio no central, que se sostén mediante un xogo de forzas que actúan apoiadas en potentes muros.
O claustro é de estilo dórico-romano. O corpo inferior está aberto, cuberto con bóveda de aresta e presenta rosetóns nas interseccións dos nervios. O corpo superior consta dunha galería pechada. Nos arcos centrais atopamos catro escudos relacionados coa historia do edificio.
A igrexa é de estilo xesuítico e está inspirada no Gesú de Roma. Ten planta de cruz latina cos brazos do cruceiro pouco desenvolvidos. No cruceiro sitúase unha cúpula de media laranxa, con lanterna. Nos catro apoios da mesma pódense ver catro anxos policromados que nunha man sosteñen o escudo do Cardeal e na outra o anagrama co nome de Xesús. A cúpula e a lanterna sufriron deterioros polo paso do tempo e sobre todo a causa do terremoto de Lisboa do ano 1755.
O retablo, dedicado á Virxe María, comezouno o escultor galego Francisco Moure e rematouno o seu fillo, xa que Francisco morre antes de terminar a obra. Preside o retablo a imaxe da Virxe da Antiga.
Na cabeceira, mirando cara ao retablo, atópase o sepulcro do Cardeal, atribuído ao escultor Xoán de Bolonia.
O púlpito é de estilo renacentista e posiblemente foi deseñado polo propio Francisco Moure, aínda que a obra foi levada a cabo polo seu fillo. Apóiase sobre unha fermosa aguia e no seu contorno aparecen os catro doutores da igrexa.
Nunha das capelas laterais atopamos unha obra de importante valor: o Santo Cristo, obra do escultor italiano Valerio Cioli, realizado en mármore. Foi encargado por Filipe II para a igrexa de El Escorial pero non lle gustou moito por consideralo demasiado musculoso e regaloullo ao Cardeal pola súa amizade con el.
Na seguinte capela, atópase a copia do cadro da Adoración dos Reis de Van der Goes, vendido o orixinal para terminar o colexio a principios do século XX ao Museo de Berlín.
A antiga sancristía da igrexa, obra de 1699, alberga o museo. Conserva obras interesantes como dúas pinturas do Greco e cinco táboas atribuídas ao taller do pintor italiano Andrea del Sarto, ademais de obxectos que pertenceron ao propio Cardeal.
Na actualidade o edificio segue sendo colexio, xestionado polos pais Escolapios e o padroádego da Casa de Alba, herdeira no século XVIII do Condado de Lemos.
Podes realizar unha visita virtual pinchado eiquí
Non o perdas!
En Monforte tamén podemos visitar a Torre da Homenaxe do Castelo, así como aproximarnos aos múltiples puntos de interese nos seus arredores.
Nosa Señora da Antiga
Información e contacto
Campo da Compañía, 50
Monforte de Lemos
27400 Lugo