Romasanta, o lobishome galego
Romasanta, popularmente coñecido como “o home lobo” ou “o sacamantecas” (sacaúntos en galego), garda unha historia na que os feitos reais mestúranse a miúdo cos mitológicos. Manuel Blanco Romasanta, o seu nome completo, foi considerado o primeiro asasino en serie documentado de España.
Nacido en Regueiro (Esgos), en 1809, foi inscrito ao nacer como Manuela, porque presentaba trazos físicos e xenitais femininos. Máis tarde, aos 8 anos de idade, ao desenvolverse como home por unha condición denominada pseudohermafroditismo, pasou a ser considerado home. De baixa estatura (1,37 m), sabía ler e escribir, algo pouco habitual no medio rural da época. Traballou como xastre xunto á súa muller, Francisca, e tras enviudar converteuse en vendedor ambulante por Galicia, León e Asturias.
A súa primeira vítima coñecida foi un alguacil que lle reclamaba unha débeda en León; o cadáver apareceu aos poucos días e Romasanta fuxiu, instalándose na zona de Allariz, onde se gañou a confianza da poboación como “o tendero”. Alí ofrecíase para acompañar a mulleres e nenos cara a supostos traballos en cidades, pero asasinábaos nos camiños. Segundo o xuízo, escribiu cartas en nome das vítimas para despistar ás familias e, segundo a lenda, aproveitaba a graxa dos corpos para facer xabóns e ungüentos, o que lle valeu o sobrenome de sacaúntos. Foi acusado de 17 asasinatos, aínda que só imputáronselle 9.
No xuízo declarou que estaba baixo unha maldición que o convertía en home lobo e que cometía os crimes xunto a outros dous homes tamén enmeigados. Romasanta é considerado o primeiro asasino en serie documentado de España e o único caso de suposta licantropía clínica do país.
Condenado á morte en 1853, a pena se conmutó por cadea perpetua tras a intervención dun médico francés. O final da súa vida non está claro: barállanse a súa morte no cárcere de Allariz, a fuxida e falecemento no monte ou, segundo investigacións máis recentes, a súa morte por cancro na prisión de Ceuta en 1863.
Hoxe, a figura de Romasanta segue inspirando libros, películas e relatos orais; tecida entre documentos xudiciais e lendas populares, segue sendo un dos relatos máis inquietantes do século XIX galego.
Cómo chegar