Esgrafiados na Ribeira Sacra
Que son os esgrafiados?
Tras décadas ancorados ao redor do termo encintado, sen solucionar con este vocábulo as notables diferenzas técnicas coas ornamentacións máis ricas, realizadas sobre revocos que cobren trenzados vexetais, armazóns e ata ladrillos; introdúcese o termo esgrafiado en Galicia no ano 1995.
Ante as diferencias existentes na técnica de execución das decoracións sobre os morteiros de cal e area, resultaba imprescindible denominar a ambas as prácticas de forma distinta: os encintados posúen “claras intencións estéticas na Ribeira Sacra, que selan, resaltan e regularizan as xuntas de mampostería e cantería”, mentres que os esgrafiados ou esgrafitos “son a execución máis complexa, como aplicación dunha segunda capa de revogo, trazando debuxos con grafio, coitelas ou cucharín (denominación da ferramenta no caso galego), retirando con raspado a capa superficial antes do o seu endurecemento, quedando ao descuberto a capa inferior, mostrando diferente cor e textura”.
Son numerosos os exemplos desta técnica que nos podemos atopar ao longo de Galicia, a Península Ibérica e mesmo Europa.
Os esgrafiados na Ribeira Sacra
Sendo a Ribeira Sacra unha área con gran amplitude territorial, diversidade interior e cruzamento de importantes camiños históricos, os esgrafiados nesta zona presentan unha gran riqueza en canto a variedade en formas. Pingas, vexigas de peixe ou estilizacións florais son algúns dos motivos que poderemos apreciar ao longo e ancho do noso destino.
Conservabamos na década final do século XX máis dun milleiro de edificacións decoradas con revestimentos de cal. Estamos ante a que posiblemente sexa a maior concentración de encintados e auténticos esgrafiados da Península Ibérica en ámbito rural. Certo é que case todas son xa mostras arruinadas, dalgunhas só mantemos o recordo a modo de fotografías, predominando en vivendas abandonadas.
É por iso, que se inicia en 2017, da man do Consorcio de Turismo, un proxecto de estudo e consolidación daqueles exemplares visitables, susceptibles de converterse nun reclamo turístico máis. Un punto e aparte no tempo, a ocasión para salvar algunas decoracións significativas e de retomar a técnica, experimentando con esta a par das novas propostas contemporáneas de decoración mural.
PROXECTO DE POSTA EN VALOR DESENVOLVIDO POLO CTRS EN 2017
Continuando na liña do proxecto de embelecemento Un toque de Cor en Ribeira Sacra, levado a cabo en anos anteriores, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, inicia en 2017 un plan integral de divulgación, concienciación e rehabilitación deste singular patrimonio, tan característico de Ribeira Sacra e descoñecido á súa vez.
Varias actuacións que centraron os seus esforzos no estudo e investigación desta técnica, a recuperación de edificacións singulares , a experimentación con novas ornamentacións murais decoradas con cal e a concienciación da poboación local mediante a realización de talleres e xornadas divulgativas.
1.- Investigación e publicación dixital "Esgrafiados na Ribeira Sacra. De tradición cultural a recurso turístico"
Sendo unha investigación e publicación con obxectivo focalizado na promoción turística, e tendo como destino a veciñanza e os potenciais visitantes, procuramos incorporar un novo símbolo ou icona para o turismo cultural e sostible na Ribeira Sacra. Repasamos as funcións do revestimento decorado, propoñemos unhas chaves básicas para facer a lectura ou saber ver os esgrafiados (destinada a guías turísticos e divulgadores), xustificamos a aposta pola unión entre esgrafiados e pintura mural (desde mostras da tradición conservadas na Ribeira Sacra a exemplos de realizacións contemporáneas noutras terras), e a inclusión de posibles itinerarios dos esgrafiados pola Ribeira Sacra (a sumar á paisaxe humanizada pola cultura do viño, as rutas fluviais e do románico e os camiños de Santiago).
2.- Intervencións
Realizáronse catro intervencións en 2017 baixo a coordinación do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, contando co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia.
Escolléronse dúas restauracións de edificacións existentes, emprazadas en núcleos de interese cultural e paisaxístico, como son Montefurado, en Quiroga, e no Campo, en Taboada. E dúas execucións de obras novas, unha seguindo a técnica tradicional, en Barxacova, Parada de Sil, e outra incorporando a intervención de muralistas, na liña do proxecto xa iniciado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra de mellorar paisaxes deslucidas con obras recentes, no conxunto histórico de Castro Caldelas.
3.- Talleres e xornadas de difusión
Obradoiros
Dende o Consorcio de Turismo organizáronse diferentes obradoiros para difundir as técnicas empregadas na realización de esgrafiados, pensando nos artistas locais ou de fóra e na poboación local como públicos obxectivos principais. Os participantes tiveron a oportunidade de coñecer todos aqueles materiais empregados no esgrafiado (tipos de pinturas, ferramentas, fabricación do morteiro de cal, etc.), e de observar e practicar a súa aplicación.
Esta actividade pode ser unha canle sensibilizadora coa que se pretende facer partícipes do proxecto á veciñanza, achegar coñecementos e ao mesmo tempo, animar a que contribúan coa integración paisaxística e arranxo de todos aqueles elementos que catalogamos como feísmo. Non só poderán así contribuír ao embelecemento do destino, senón que se recuperarían e porían en práctica antigas técnicas do esgrafiado, favorecendo a súa continuidade.
"Introdución ás técnicas de esgrafiado con cal": Foron obradoiros de oito horas (divididos en dúas xornadas) sobre a recuperación e realización de novos esgrafiados dirixidos a arquitectos, restauradores, construtores e outros públicos de carácter profesional.
Xornadas informativas/formativas
Durante a estancia en cada unha das intervencións organizáronse charlas e visitas para achegar o proxecto aos veciños de cada localidade e a calquera persoa interesada. A finalidade desta acción foi achegar os esgrafiados e as decoracións de cal ás persoas que conviven na Ribeira Sacra e comparten este patrimonio tan estendido. Durante estes pequenos encontros incidiuse na responsabilidade compartida de coidar a contorna e a paisaxe que nos rodea.
Finalmente, achegouse a técnica dos esgrafiados aos escolares dunha forma participativa e novidosa. Mergullándose dun xeito lúdico e así asimilarían mellor esta técnica e os seus materiais e, ao mesmo tempo, comezarían a redescubrir as fachadas dos nosos ancestros dándolle o valor que merece na sociedade.
Este proxecto realizouse en centros escolares situados en concellos onde o esgrafiado tivo e ten gran relevancia. Impartíronse as xornadas en dous colexios e dous institutos con gran expectación. Xogos de rol, un trivial, mapas,…, e diversas ferramentas coas que os rapaces puideron aprende como se leva a cabo a técnica do esgrafiado, a súa importancia, os seus materiais, a súa concentración nesta zona e os seus variados significados. Sen dúbida, unha experiencia moi enriquecedora que tivo unha grande acollida por parte do alumnado. Agora son transmisores sociais desta técnica, xa que viron que era unha parte máis do noso patrimonio que está a desaparecer e que precisa de maior atención e coidados.