

Igrexa de San Vicente de Pombeiro

Esta fermosa igrexa atópase situada na marxe dereita do río Sil, pouco antes da súa desembocadura no río Miño. Esta rodeada dunha exuberante vexetación, nun emprazamento que xa elixiron os antigos eremitas e no que perviven algúns vestixios como varias tumbas antropomórficas.
Como é habitual en moitas outras igrexas da zona, San Vicente de Pombeiro formou parte, alá polo século X, dun mosteiro do que hoxe non quedan máis que algunhas pegadas. Tras diversos avatares históricos, este espazo será obxecto de diversas intervencións. Por outra banda, o devandito conxunto conventual pasará depender do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en 1526, que se atopa situado na ribeira oposta do Sil.
A igrexa foi construída nalgún momento entre os séculos XII e XIII, aínda que en etapas posteriores foi obxecto de diversas reformas e intervencións. O edificio é de planta basilical, con tres naves e outras tantas ábsidas semicirculares. Chama a atención o forte desnivel do lugar, o cal foi salvado a partir dunha plataforma que sustenta e nivela o conxunto.
En canto á portada principal, a porta aparece flanqueada por dous contrafortes. Esta presenta un tímpano liso e dous pares de columnas a cada lado con capiteis de inspiración vexetal. Ditas columnas sosteñen un grupo de arquivoltas levemente apuntadas e decoradas con senllas secuencias rítmicas de motivos xeométricos. Na parte superior, observamos un conxunto composto por seis arquillos decorados con cabezas humanas e outras formas xeométricas que sustentan parte dun tornachoivas, en cuxos espazos intermedios aparecen relevos que repiten uns motivos florais de amplos talos.
Os muros norte e sur dispoñen tamén de portas de interese. A primeira mostra unha disposición semellante á principal, aínda que de dimensións máis modestas. Polo que respecta á sur, esta presenta unha maior riqueza decorativa con respecto ás anteriores, á vez que está situada baixo un rosetón polo que penetra a luz ao interior.
A fachada oeste conta cunha torre de sección circular rematada por un campanario de sección cadrada e resgardado por unha pequena cúpula. Mirando por unha cristaleira situada no muro norte poderemos ver os espazos interiores do templo. Neles consérvanse retablos renacentistas e barrocos, así como restos de antigas pinturas murais do século XV con belas escenas, entre as que destacan algunhas de gran interese, como un Descendemento, unha Virxe co Neno ou unha interesante imaxe de Santa Ana con María e o Neno.
Anexo a este espazo destaca a casa reitoral, obra realizada no século XVIII.
Finalmente, cabe destacar que o conxunto formado por igrexa e casa reitoral foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2018 no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.
É igrexa parroquial pertencente á Diocese de Lugo.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo aquí.
Fonte: Diocese de Lugo
San Vicente Pombeiro
Información e contacto

O Priorato
Pantón
27470 Lugo
Equipamento e servizos


Accesibilidade

