Mosteiro de San Salvador de Ferreira
Único mosteiro de Ribeira Sacra que mantén vida relixiosa, tamén coñecido como Mosteiro das Bernardas.
Na mesma localidade de Ferreira de Pantón atopamos o único mosteiro que aínda conserva a vida monacal de toda Ribeira Sacra.
Fúndase no século X como mosteiro dúplice e así permanece ata que no século XII son suprimidos este tipo de mosteiros. No ano 1175 anexiónase ao Císter e iníciase unha nova etapa de renovación espiritual e económica.
O mosteiro conserva a igrexa románica do século XII. Trátase dun dos exemplares de arte románico máis interesantes da Ribeira Sacra. Ten a cabeceira semicircular con interesante iconografía. Foi construída antes da anexión do mosteiro ao Císter. A nave é rectangular. Está cuberta cun artesoado de tradición mudéxar do século XVI. No século XVIII, anexiónase no muro sur unha capela dedicada a San Roque.
No interior, destacamos na cabeceira o reforzo da bóveda de cascarón con dous nervios que ademais serve como elemento decorativo. Presenta variedade de capiteis con decoración vexetal, zoomorfa e historiada. Á esquerda podemos ver en primeiro lugar, un capitel no que aparecen representados dous grifóns (animais que se toman da mitoloxía oriental co corpo de león e cabeza de aguia) que protexen a dous bois unxidos. Algúns autores din que temos representada a dobre natureza de Cristo, a humana na figura dos bois e a divina na dos grifóns. Seguidamente, un capitel con folla de acanto do que asoma un cachorro de león. Á dereita vemos, en primeiro lugar, un capitel que representa a Sansón dominando a dous leóns. A continuación, un personaxe que ten ás con dous leóns humillados aos seus pés, que interpretan algúns autores como Daniel no foso dos leóns. A ambos os dous lados do tramo recto da ábsida, pódense ver dous sepulcros de tipoloxía gótica.
No exterior da cabeceira, temos unha variada colección de canzorros con interesante iconografía. Destacamos no lado norte os dedicados á xograría coa representación do trobador, o xograr e a soldadeira. Están colocados xerarquicamente e o xograr perdeu a súa cabeza, dado que eran imaxes frecuentemente mutiladas ao se considerar indecoroso e inmoral actuar a cambio de diñeiro. No muro sur destacamos ao basilisco, animal híbrido do que San Bernardo dicía que con só miralo un morría.
A fachada do mosteiro é barroca do século XVIII, moi sinxela seguindo as pautas do Císter. O claustro é renacentista do século XVI, co primeiro corpo realizado en pedra e o segundo en madeira.
As monxas gardan no interior do mosteiro unha imaxe dunha Virxe co Neno, románica de finais do século XII ou principios do XIII.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo eiquí.
Non o perdas!
Non podes marchar sen probar a deliciosa repostería artesá que elaboran as monxas que aquí habitan.
Mosteiro San Salvador de Ferreira
Información e contacto
A Vila do Mato
Pantón
27430 Lugo