PR-G 177 Ruta do Canón do Río Mao
A través desta ruta circular de case dezaseis quilómetros ascenderemos polo canón do río Mao, descubriremos unha antiga necrópole e varios pobos da zona. Tamén poderemos ver o Canón do río Sil.
A ruta comeza na coñecida como Fábrica da Luz, unha antiga central hidroeléctrica reconvertida en albergue. Ascenderemos por unha considerable pendente ata chegar a San Lourenzo de Barxacova, onde se atopa unha necrópole medieval con varias tumbas escavadas na rocha. Dende aquí a ruta avanza sen apenas pendente polo canón do río Mao a través dun estreito sendeiro, permitindo unhas fantásticas vistas panorámicas. Máis adiante abandonaremos o canón e a través de campos de pasto e cultivo pasaremos por varios pobos, como Forcas e A Miranda. Chegaremos de novo a San Lourenzo, onde se pode observar unha boa visión panorámica sobre o canón do río Sil, e descenderemos ata chegar ao leito do río Mao. Por último, ascenderemos por unha pasarela de madeira acompañando ao río ata chegar ao punto de partida.
Non o perdas!
Preto desta ruta atópanse os Balcóns de Madrid, un espectacular miradoiro sobre o canón do río Sil cuxa visita e moi recomendable. É posible chegar en coche e atópase a pouca distancia desta ruta.