PR-G 180 Ruta da Cubela
A través desta ruta circular de case catorce quilómetros, camiñaremos por un sendeiro moi preto das augas do río Sil durante case a metade do traxecto. A outra metade discorre por zonas máis elevadas onde se alternan bosques autóctonos e prados. Desfrutaremos dunhas fermosas vistas sobre o río e veremos tamén un gran meandro.
Comezaremos a ruta en Castro de Abaixo, preto da N-120 e da zona de Augasmestas. Faremos primeiro un pronunciado ascenso pola ladeira do val, a través de soutos de castiñeiros, que nos levará ata Torbeo. Pasaremos tamén preto de varios pequenos regatos e de varias fincas. Unha vez deixamos atrás Torbeo, comezaremos a descender pola ladeira do Cañón en dirección á Covela, onde poderemos contemplar o gran meandro que forma o río Sil. Despois avanzaremos por un antigo camiño, escavado sobre a propia rocha nalgúns tramos, que nos levará ao carón do río augas arriba durante catro quilómetros. Finalmente, unha vez rematemos ese camiño, so nos restará ascender uns poucos metros ata chegar de novo ao punto onde remataremos a ruta.
Non o perdas!
Recomendámosvos visitar a igrexa parroquial de Santa María de Torbeo, un gran exemplo do románico rural galego dos séculos XII-XIII.
Tamén vos recomendamos visitar o Museo Xeolóxico de Quiroga, único expoñente de este tipo de museos en toda Galicia. É aconsellable consultar previamente os seus horarios e tamén se poden concertar unha visita previa