Ruta A Cruz-Pena Pombeira
Permite visitar dous espectaculares miradoiros sobre o Sil. O de "A Cruz", o cal debe o seu nome a unha gran cruz de granito colocada nos anos 50; e o segundo, a "Pena Pombeira", o punto máis alto do Concello de Pantón (707 mts.), desde onde se divisa unha magnífica vista de todo o Val de Lemos e distintos lugares das provincias de Lugo e Ourense.
Comezamos a ruta camiñando por unha pista de terra ata chegar a un desvío que indica A Cruz. Un enclave de gran beleza polas vistas que dende alí se divisan, da cunca do Sil e terras de Lugo e Ourense. Recibe o nome dunha cruz de pedra colocada no monte, en recordo de unha "misión" que tivo lugar na primeira metade do século XX na parroquia de Pombeiro.
Desandamos o camiño e chegamos de novo ó lugar do desvío para seguir subindo. A douscentos metros atopamos un letreiro que nos informa do camiño ó Mirador de Pena Pombeira. Situado no punto máis alto do Concello (707mts.), o mirador é un lugar idóneo para observar o Sil no seu esplendor, o Mosteiro de Santo Estevo a esquerda do mesmo, así como as terras de Nogueira de Ramuín, Chantada, Carballedo e Monforte de Lemos; e máis lonxe O Courel, Castro Caldelas e Manzaneda.
Vale a pena pasear por entre os penedos, restos dun glaciar e que adquiriron unhas formas caprichosas ao longo do tempo.