

Igrexa de Santo Estevo de Chouzán

En 1953 o antigo templo trasládase ao actual emprazamento con motivo da construción da presa de Os Peares, sufrindo considerables modificacións.
As primeiras noticias documentais relaciónana con Oseira debido a unha doazón de Afonso VII, aínda que probablemente a súa orixe se remonte ao século IX onde aparece “Aouzan” baixo a titulación de Santo Estevo como doazón realizada por un cabaleiro “Flaminio” e a súa muller “Remisilia”.
Como a maioría de mosteiros da zona, desaparecería como tal baixo a Reforma auspiciada polos Reis Católicos. En 1499 uniuse a San Paio de Antealtares, pasando as súas rendas e bens a este en 1515, e continuaría exercendo como igrexa parroquial dependente do Bispado de Lugo.
De finais do século XIII ou, segundo algúns autores, de principios do XIV conserva a ábsida e a porta norte, así como pinturas murais na bóveda interior da ábsida que tamén foron trasladadas no seu día, perdéndose así partes importantes destas e tamén do templo. Sitúanse a principios do século XVI e con influencia gótico hispano-flamenco.
O epígrafe que se conserva na súa porta norte fálanos da fundación o un de abril de 1314 por parte da abadesa Teresa Arias.
A actual igrexa mostra perfectamente no uso de diferentes materiais as partes reconstruídas das reproducidas segundo o modelo orixinal exactamente. Para iso procedeuse a numerar as pezas orixinais, para seren colocadas de novo; aínda quedan algunhas marcas deste feito. Sábese que a súa planta inicial era cruciforme, o que a presentaba cunha tipoloxía atípica na zona en relación á arte románica.
A ábsida articúlase cun tramo rectangular cuberto con bóveda de canón e cabeceira semicircular con bóveda de forno. A cabeceira divídese en cinco tramos con columnas unidas e capiteis decorados con diferentes motivos.
No seu interior hai un arco triunfal de medio punto decorado con columnas e capiteis vexetais.
As pinturas cronoloxicamente sitúanse na primeira metade do século XVI. Represéntase un Xuízo Final, onde podemos apreciar no Inferno actitudes moi graciosas e irreverentes. Ao parecer eran dunha calidade considerable pero perdéronse no traslado. A memoria fálanos do Xuízo Final presidido por un Cristo Xuíz, cos pés sobre a esfera terrestre, na que se destacaba Europa, África e Asia. A ambos os dous lados, a corte Celestial e Mártires.
Debaixo Ceo e Inferno. As arquitecturas con San Pedro reciben os elixidos, mentres que varios demos atormentan os condenados. A mensaxe dada aos fieis como sempre é clara e concisa.
Sen dúbida, as connotacións góticas que nos atopamos en Chouzán non nos permiten esquecer que nos atopamos nunha zona moi ligada á tradición mateana, a través da diáspora de mestres e talleres derivados da arte de Mateo e a Catedral Compostelá, ou ben a través do núcleo Ourensán. As súas formas mostran parecidos considerables coa veciña igrexa de Santo Estevo de Atán, que podemos ver na outra beira do río Miño.
A advocación de San Estevo é moi numerosa nestas terras. Mártir condenado por proferir blasfemas contra Moisés e contra Deus, o sanedrín condénao á lapidación. Por iso se adoita representar cun queipo ou montonciño de pedras e un libro e dalmática de diácono.
A través dun carreiro entre viñedos e contemplando unhas panorámicas descoñecidas do Miño chegamos á igrexa de Chouzán, que se atopa encaixada na ladeira do monte. Destacan as columnas que sosteñen a sancristía, emerxendo esta sobre o camiño que debemos percorrer para admirar a totalidade da súa ábsida.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo eiquí.
Santo Estevo de Chouzan
Información e contacto

Chouzán
Carballedo
27532 Lugo
Equipamento e servizos


Accesibilidade

