Sobreira da Casa do Tristo
Esta espectacular sobreira atópase na aldea de Santiorxo, e non pasa desapercibida para ninguén pola súa curiosa forma.
O seu tronco aseméllase a un birlo que foi crecendo aos poucos, debido probablemente a unha enfermidade bacteriana motivada por feridas producidas no descortizado ao longo dos anos.
É ben sabido que o descortizado da sobreira é unha operación certamente delicada, pois se deixa á árbore desprovista da cortiza que protexe a parte viva, apenas uns pequenos milímetros onde se atopan os tecidos condutores de zume, e debido a iso a sobreira protéxese producindo taninos de cor avermellada alaranxada. A produción dunha nova cortiza, xeralmente, cústalle á árbore entre 7 e 9 anos. Algunhas sobreiras morren no intento, polo que se debe realizar con coidado e sen producir dano, con instrumentos especiais e persoal experto.
Afortunadamente para esta árbore, fai corenta anos que non se lle aproveita o “cortizo”, pois pola forma e o tamaño que ten converteuse nun monumento.
Datos da árbore (2020):
- Altura (m): 15.2
- Perímetro normal (m): 10.85
- Diámetro de copa (m): 15.21
- Idade estimada: 250-500 anos
Fotografías: Xoán Fraga
Non o perdas!
Moi preto, podes visitar as adegas centenarias de Vilachá.